Síguenos en redes sociales:

As novas e vellas formas de vivir o mar conviven nas "Ribeiras de Salitre" de Foz

O programa da Televisión Galega coñece esta parte do litoral galego da man dun surfista, unha peixeira e, por suposto, os que non poden faltar, os vellos lobos de mar

As novas e vellas formas de vivir o mar conviven nas "Ribeiras de Salitre" de Foz

Foz é unha ribeira de salitre con alma de resistente. As súas xentes mariñas seguen fieis aos oficios do mar que herdaron dos seus antepasados. A Confraría conta con 40 asociados que traballan ao cerco e artes menores. Ata alí se despraza o programa da TVG Ribeiras de Salitre desta tarde.

En Foz atopamos singularidades como a escola de surf de Antón Rodríguez, un surfista que fala do mar cunha paixón moi mariñeira, porque o seu interese polo surf parte do seu interese polo mundo do mar. Rodríguez contará como conviven en perfecta harmonía e compresión as xente pescadoras e as xentes surfistas, porque en definitiva todas son xentes do mar.

Foz é unha ribeira de salitre onde non faltan os vellos lobos de mar, homes dunha enorme experiencia, con moitos anos de navegación e pesca. Con dous deles saírá o presentador Henrique Rivadulla a navegar pola ría de Foz. Son Tom Rey, que traballou ao cerco, e Paco Fernández que faenou no Gran Sol. Os dous contarán como lles foi a vida no mar, e falarán dunha época en que estiveron embarcados xuntos.

E aos vellos lobos de mar gústanlles as cancións do mar, e formaron o grupo "Os Larpeiros". Esta formado por veteranos do mar e amigo, forman un grupo entrañable, que ao tempo que gozan do lecer conservan a tradición musical das xentes mariñas.

Nas cociñas de Foz fanse moi ben os produtos do mar, e a peixeira Remedios García vai cociñar polbo encebolado. E mentres cociña fala da súa vida de peixeira, que lle ven de familia, da súa avoa e a súa nai. E como todas as peixeiras sempre ten un aquel de alegría no seu falar.

Foz tamén é terra de marisqueo e unha mariscadora desta ribeira é María Jesús Rivera. Ela dedicase a ameixa e a navalla, pero o que máis lle gusta e dedicarse aos poliquetos, que son as miñocas que se usan de cebo para a pesca.

Pulsa para ver más contenido para ti