A Televisión de Galicia (TVG) estreará hoxe, ás 22.00 horas, A Vide de Cachín. Este non é un programa que fala de só de viños ou dos adoradores de Baco. Os protagonistas son os galegos e as galegas que se dedican profesionalmente ou de xeito altruísta a facer viños.

Un deles é Cachín. César Enríquez, na súa adega, elabora un dos mellores viños de España e un dos preferidos de Barack Obama para as súas celebracións. De feito o seu viño estivo presente nas tres últimas edicións da Gala da Hispanidade na Casa Branca.

A vide de Cachín é un programa duns 30 minutos para a Televisión de Galicia no que coñeceremos os segredos do viño, as curiosidades, as diferentes Denominacións de Orixe, os adegueiros, os enólogos e todo canto teña que ver cos viños do noso país. Pero tamén no que recibiremos consellos da man do Director Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, quen ademáis levará a diferentes famosos a unha divertida cata a cegas na que poñerá a proba os seus coñecementos sobre os nosos caldos.

Este formato creado por Os Padriños para Celtavisión, está coprotagonizado e dirixido por Víctor López. No seu papel de neófito neste mundo da enoloxía tratará de maridar un prato da nosa gastronomía cun viño que conseguirá grazas a axuda dun dos nosos adegueiros. A dinámica do espazo permite que o espectador vaia coñecendo o ciclo vexetativo da vide cunhas doses de humor que garanten o entretemento.