A Televisión de Galicia estrea mañá as 19:45 a serie documental "Náufragos", un traballo de Producións Celta que mostra a través de entrevistas a realidade sentimental creada polos naufraxios. O director e produtor do programa, X. H. Rivadulla Corcón, explica as razóns que o levaron a interesarse polo tema das traxedias marítimas e como foi o proceso de realización deste novo espazo.

-¿Por qué quixeron abordar un tema como os naufraxios?

-Nesta produtora levamos desde 2008 facendo programas sobre o mar. Primeiro fixemos un que se chamaba "Salitre", sobre a vida nos portos, e logo fixemos "Ribeiras", máis centrado no traballo persoal das xentes. Despois, parecéunos unha evolución natural pasar á parte dos naufraxios. Cremos que é algo que non debería de existir, pero ó mesmo tempo quizáis sexa o aspecto máis determinante da vida mariñeira. Pensamos que era unha boa forma de completar a triloxía sobre o que queriamos contar dos portos galegos.

-¿Notan demanda entre o público dun tema coma este?

-A sensación máis grande de demanda do programa notámola agora que xa rematou o período de gravación. A nivel informativo fálase moito de como son os naufraxios, pero existe outra parte, que é a que nós tratamos: a da vida da xente que está implicada no naufraxio.

-A parte sentimental do accidente.

-Exacto. Hai demanda diso, porque é un tema que non se toca a nivel informativo. Xa ó inicio, cando empezamos a falar cos traballadores do mar, notamos que á xente interesáballe.

-¿E como tomaban os entrevistados ter que falar dese tipo de experiencias?

-É unha cuestión importante. A xente ten medo de tratar o tema. Para nós é importante deixar claro que é algo que hai que abordar co máximo respeto. É un programa moi serio nese sentido. Un naufraxio é algo que inflúe de forma definitiva na vida das persoas. A idea básica do programa é homenaxear ós náufragos, ás familias e a todos os mariñeiros que se enfrontan a esa realidade.

-¿Houbo moita reticencia a falar por parte da xente?

-Houbo moitos casos, é algo que entendemos perfectamente. O problema da xente é ter que revivir, porque é unha experiencia moi dolorosa. Por outro lado, sempre hai medo nas persoas a molestar a outros.

-Agora que o proxecto xa está rematado, ¿gustaríalle engadir algo á serie?

-Todo é susceptible de mellorarse, pero estamos bastante satisfeitos co resultado, porque fixémolo tratando de poñer toda a nosa profesionalidade. Todo o que se conta no programa é certo. Nese sentido penso que o traballo está feito como debería de facerse. Sucede que, por desgraza, neste país hai unha inmensa cantidade de naufraxios ó longo da historia. Pensamos que o traballo todavía pode continuar, pero depende da audiencia da TVG. Para nós o importante non é que o programa teña un gran éxito, senón que a xente que entrevistamos quede satisfeita co traballo. Esto é o que marcará o éxito do programa.

-A nivel persoal, ¿que leva do programa?

-Para min foi un programa importante. Eu sempre traballei moito no mundo do mar, tanto na televisión como no meu traballo literario. Remarcaría sobre todo o agradecemento enorme que teño pola xente que falou e que contou cousas moi íntimas. O mar é un mundo de xente chea de sensibilidade, de poesía.