Nos EE.UU. viviuse un deses momentos espectaculares que din que marcan a historia da exploración científica.

En rolda de prensa foi anunciado por responsables dunha colaboración científica chamada BICEP2 o descubrimento, nun telescopio situado na Antártida, de sinais procedentes dun instante moi anterior á primeira mil millonésima de segundo, no que o universo era infinitesimalmente pequeno, e que ata entón nunca tivera sido observada. É a chamada época da inflación.

Naquel momento, moi anterior incluso ao da formación dos nosos propios átomos, o universo sufriu un crecemento instantáneo e descomunal, aínda que seguiu sendo máis pequeniño cun protón. As ondas gravitacionais xeneradas por esa brutal expansión deberon afectar aos fotóns do fondo cósmico de microondas, que agora son observados co telescopio antártico.

Unha vez máis, temos ao fondo cósmico de microondas xogando un papel fundamental para entender o universo nos seus primeiros instantes. Esa radiación electromagnética formada por fotóns con frecuencia no rango das microondas está por todas partes e constitue unha auténtica fotografía do universo cando tiña apenas varios centos de miles de anos (agora ten cerca de 14.000 millóns),

A teoría da inflación formulada por Alan Guth e Andrei Linde nos anos 80, aparece xa en tódolos libros de texto como parte indisoluble do modelo cosmolóxico actual, o chamado Big-Bang, xa que explica de xeito razoable o universo homoxéneo e plano que se observa, diluindo as tremendas fluctuacións cuánticas dos primeiros instantes que constituiron as sementes do que hoxe é a distribución de materia no universo. Dende o pasado luns temos a primeira sinatura experimental directa da inflación.

Estou certo de que o acontecido é un paso relevante na comprensión da orixe do universo, pero non menos certo de que queda un longo camiño, probablemente sen fin. Por certo, ainda queda algo fundamental por facer: confirmar a observación con outro telescopio.

Esperemos a ver que pasa ...

*Profesor do Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela