"Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dous teus sonos non se move", escribiu (literalmente) Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914- Lugo, 1990). Con so un poema, "Penélope", no que denunciaría a pasividade da sociedade civil galega, conseguiu remover conciencias.

A Xunta organizará máis dun centenar de actividades sobre a obra e figura do poeta e tradutor lugués Díaz Castro, ao que neste ano é dedicado o Día das Letras Galegas. A pesar de ser autor dun único libro "Nimbos" (1961), a súa figura tivo influencia en moitos escritores posteriores

O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, presentou na Cidade da Cultura onte a programación para resaltar a figura dun home que, nas súas palabras, "nos legou un corpus poético elaborado con paciencia, aquilatado polo tempo, admirado polos autores coetáneos e que agora é preciso difundir o máximo posible".

Tamén expresou a intención do seu departamento de outorgar á celebración "un carácter transversal, que implique ao conxunto da sociedade galega, favorecendo a realización de iniciativas desde diferentes ámbitos, dentro e fóra do noso territorio".

Alén do conselleiro, na presentación estivo presente o presidente da Real Academia Galega (RAG), promotora da celebración, Xesús Alonso Montero, e outros representantes do mundo da cultura. Entre os actos previstos, figuran varias edicións conmemorativas, estudos críticos, traducións e versións bilingües ao éuscaro, inglés e ruso, a exposición itinerante "Nimbos de luz", documentais, webs monográficas, así como actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e difusión da obra de Díaz Castro nas bibliotecas de Galicia.

O groso das actividades desenvolveranse nas principais cidades galegas.

Na programación participarán entidades como a CRTVG, o Centro Galego de Artes da Imaxe, a Rede de Bibliotecas de Galicia e outras privadas como a editorial Galaxia ou a Asociación Xermolos.

No referente á celebración da Día das Letras no exterior, Vázquez Abad destacou a participación dos centros de estudos galegos, con presenza en 38 universidades, e os propios centros e casas de Galicia. Sobre Díaz Castro, o conselleiro dixo que "cada texto é unha luminosa peza redonda, feita coas palabras adecuadas, nin máis nin menos" e "na súa obra lírica a palabra poética é unívoca, transcendente e imprescindible".

Díxose de Díaz Castro que era políglota: falaba ata 14 linguas, todas as clásicas -salvo o chinés e o húngaro-. O misterio e certo descoñecemento que envolveron a figura deste poeta e tradutor serán retratados nun documental que investiga nas raíces do profesor e as diferenzas con poetas coetáneos. Chamado "O instante eterno".

Este traballo audiovisual do autor Xosé Antón Cascudo -tamén de Guitiriz- estréase o próximo mércores día 19, coincidindo coa celebración do centenario do nacemento do poeta. Ademais da estrea deste traballo, que afonda na parte máis descoñecida do autor de "Nimbos", haberá outras actividades ao longo do día.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) proxectará o documental, así como unha selección de videopoemas de autor, creados a partir de textos do propio Díaz Castro.

Ademais, entre o día 22 de febreiro e o 8 de marzo celebrarase en Guitiriz -localidade natal do poeta- o seminario Díaz Castro: transferencias poéticas e visuais, impartido polo director do documental, no que se analizará a obra do autor de "Nimbos" desde a perspectiva de O instante eterno, ese proxecto documental. O seminario está organizado pola Concellería de Educación e Cultura coa colaboración da Asociación Cultural Xermolos e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O obxectivo fundamental do curso é achegar ao público xeral a figura do poeta dos Vilares, do cal coinciden este ano 2014 o centenario do seu nacemento e a celebración das Letras Galegas. Con este fin misturarase a análise de secuencias do filme con documentación fotográfica e textual aínda inédita e coa propia poesía do autor. Haberá tres sesión no seminario, que terán lugar os sábados de 18 a 20 horas.