Síguenos en redes sociales:

Centenario de Eugenio Granell

Dúas mostras arredor do seu legado

Centenario de Eugenio Granell

A Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela celebra este ano 2012 o centenario do nacemento de Eugenio Fernández Granell amosando a súa obra e legado nunha serie de mostras que principian coas tituladas O encontro na poética de Eugenio Granell, na Cidade da Cultura e A colección étnica de Eugenio Granell, que se pode ver no Museo do Pobo Galego. A primeira, comisariada por Natalia Fernández Segarra e Eduardo López Valiña, reúne 114 obras de variadas técnicas e a segunda, comisariada pola mesma Natalia Fernández Segarra, está dedicada á singular colección de obxectos de diferentes culturas: máscaras, esculturas, etc, que Granell foi coleccionando ao longo da súa vida.

Como é ben coñecido a obra de Granell foi fundamentalmente realizada no exilio americano e está ligada ao movemento surrealista, no que participa desde que coñece a André Breton en 1941, durante unha estadía do escritor francés na República Dominicana, camiño dos Estados Unidos, onde residirá fuxindo da Europa en guerra. Este contacto e a pegada do novo continente, coa súa diversidade xeográfica, étnica e cultural non deixa indiferente a un artista que está a principiar a súa traxectoria como Granell. Esta nova realidade vai influír tanto na súa pintura que sería difícil concibir a súa obra sen a pegada da nova terra na que se instala como exiliado e do contacto directo co movemento surrealista, eses "encontros" aos que se refire o título da primeira das mostras do centenario. Daquela, o galego elabora un surrealismo influído de maneira absoluta pola realidade física e cultural caribeña, colorista, cheo de figuras e con referencias antropolóxicas -velaí a súa colección étnica-, tendo o seu traballo puntos en común con outras estéticas de América Latina, como a do seu amigo Wifredo Lam en Cuba ou a de Remedios Varo en México. É o seu o que a crítica denominou "surrealismo caribeño", produto dun duplo abraio: pola vida e cultura "primitiva" e pola modernidade formal de matriz europea.

A experiencia de Granell durante a Guerra Civil xa o preparara para ese contacto co surrealismo. O futuro pintor colaborara activamente na prensa republicana, dirixindo El Combatiente Rojo, publicación do POUM, organización trotskista da que era militante. Cómpre lembrar o achegamento de intelectuais e artistas surrealistas ao marxismo, sobre todo na década dos trinta.

No que se refire a Granell, perdida a guerra, cruza a Francia, pasando por diversos campos de concentración, chegando, logo de distintas peripecias a Santo Domingo en 1940.

O artista xa elaborara nos campos de concentración un caderno de debuxos, moi na liña do lirismo surrealista á moda dos anos 30, que supón o seu primeiro traballo plástico. Mais a partir da súa chegada á República Dominicana como exiliado, vai comezar a súa obra surrealista, influído pola seu contacto directo con Bretón e animado polo pintor Vela Zanetti.

Na mostra O encontro na poética de Eugenio Granell podemos contemplar obras de diferentes épocas, ben representativas do estilo e evolución do pintor e que ilustran a intensa relación que o artista estableceu con distintos contextos nos que desenvolveu a súa actividade vital e artística. O noso pintor procura unha linguaxe que se afaste do simple cosmopolitismo, que conecte coa realidade americana de herdanza indíxena e africana, creando unha peculiar lectura da modernidade, en contacto en moitos casos co étnico como un dos resortes temáticos e formais.

Nas primeiras obras, as referencias formais a Picasso son evidentes, mais estas ligazóns son interpretadas cunha sólida referencia ao mundo indíxena, que se manifesta nos trazos físicos, nas tatuaxes, abelorios e plumas. A visión surrealista da relación persoal co contexto americano é unha constante na súa obra, en especial o tema do encontro entre o europeo e o universo americano, argumento xenérico de diversas obras do artista e tamén da súa novela surrealista La novela del indio Tupinamba.

En variadas creacións seguimos a percibir unhas formas debedoras do cubismo, sintetizadas con outras influencias vangardistas e tratadas cun cromatismo claro e brillante e unha planimetría espacial poboada de seres e obxectos, que delata a influencia do ambiente tropical. A idea do encontro, frecuente en Granell, é elaborada a partir do mecanismo surreal dos misterios que provocan estrañas confluencias, mais a carga vivencial e social dos temas tratados tampouco non pode pasar desapercibida.

Non é raro percibir nestas obras o mecanismo do fixar imaxes do subconsciente, realizando unha atractiva síntese do pictórico e o poético, creando auténticas metáforas plásticas. Podemos daquela seguir a evolución do estilo de Granell para o que a metamorfose se torna elemento central. Ás veces fusiona o vexetal e o animal, cun tratamento achegado á abstracción, cun barroquismo moi remarcado, e noutras ocasión remite a un mundo telúrico, que se afasta da evidencia figurativa. Nestas obras a evocación do título, sempre importante para o artista, aínda se torna máis significativo, conformando o que a crítica ten denominado "paisaxes máxicas". Trátase de títulos que nos levan a un ámbito poético, sempre referencia para o artista, nun mundo que lembra algo a obra de Max Ernst, un pintor, como Granell, que participou activamente no movemento surrealista.

Pulsa para ver más contenido para ti