FARO DE VIGO únese mañá á celebración do Día das Letras Galegas e faino ofrecendo ao lector unha magnífica colección de cincuenta carteis realizados por deseñadores e escritores sobre cada un dos autores homenaxeados nesta fecha;un libro sobre a vida de Valentín Paz-Andrade e o seu reflexo nas páxinas do xornal e un número especial do suplemento FARO DA CULTURA adicado ao escritor.

Así, o diario decano entregará mañá, por só 2,95 euros, o libro "Paz-Andrade e Faro de Vigo. Galicia ante todo", unha biografía moi especial escrita por Ceferino de Blas. "Nel pódese rastrexar a vida do protagonista dende a súa primeira aparición pública, no ano 1919, cando intervén na II Asemblea de Irmandades da Fala, en Santiago, ata o seu adeus en 1987," describe o autor.

Ademais, de xeito totalmente gratuíto, os lectores de FARO recibirán tamén mañá co xornal unha colección de cincuenta carteis realizados polo mesmo número de deseñadores gráficos e escritores. Por primeira vez uníronse profesionais, institucións, empresas e asociacións para celebrar o 50 aniversario da conmemoración das Letras Galegas coa creación dunha colección de carteis adicada a cada un dos homenaxeados.

Esta iniciativa conxunta non remata eiquí, senón que as once entidades profesionais implicadas imprimirán outros 50.000 exemplares que se entregarán a bibliotecas, librarías, asociacións e centros de ensino, o que posibilita que se poidan celebrar 1.000 posibles exposicións. Participan nestes carteis, imprimidos en papel de alta calidade, escritores como Miro Villar, Rosa Aneiros, María Xosé Queizán e Luis González Tosar e deseñadores como Raquel Boo, Pancho Lapeña e José Antonio Pérez Gil, entre outros.

Por último, o suplemento FARO DA CULTURA adicará mañá a súa edición a Valentín Paz-Andrade. Abre o especial un artigo de Margarita Ledo sobre o papel do autor no Diario Galicia. Outras reportaxes mostran ao lector diversos aspectos do homenaxeado como o papel cidadán de Paz-Andrade, os seus libros de poesía inéditos, a súa experiencia americana ou a Galicia que o homenaxeado se atopou cando era novo.