En Vigo acababan de ser instalados os primeiros semáforos. Cunqueiro viña, cun grupo no que me eu encontraba de obra de dezaoito anos, de gulapear das cuncas de branco de Gomariz na de Elixio. Chegados á beirarrúa do Banco Hispanoamericano, xusto onde están as marcas dos disparos do 36, un semáforo en vermello prohibíanos cruzar a rúa, pola que non pasaban naquel momento nin automóbeis nin tranvías. Cunqueiro, aparentemente violentado pola imposición, ignorou esta e, cun ceno de capitán de cabalaría que ordena a carga en Crimea, atravesou a grandes alanzadas a rúa, seguido da tropa na que eu me integraba. Sentín, daquela, a potencia transgresora de Álvaro Cunqueiro. A súa terribilità (pídolle a verba emprestada a Manuel Outeiriño).

Uns anos antes €andaría eu no sexto de bacharelato€, estudei con atención a parte de historia literaria que vén en El Idioma gallego de Antonio Couceiro Freijomil. Aprendín naquelas páxinas que en Galicia, e en galego, escribía poemas "ultraístas", e seica absurdos, un individuo chamado Manuel Antonio. Tal mao exemplo, ao parecer, estaba sendo imitado por rapaces de gusto estragado, como Álvaro Cunqueiro. Para min, foi moi boa a noticia de que en Galicia existía literatura de vangarda e corrín á procura, na Biblioteca Provincial de Pontevedra, dos versos de Manuel Antonio e de Álvaro Cunqueiro. Dende aqueles días da miña primeira mocidade, a figura do escritor Álvaro Cunqueiro anda indisolubelmente aliada coa súa condición de trangresor dos límites. Cunqueiro é aquel que para os semáforos en vermello.

A entrada de Álvaro Cunqueiro na ágora das letras galegas veu producirse, entón, nun intre €década dos trinta do pasado século€ no que era moeda en curso predicar como predicaba Euxenio Montes: que as escolas de vangarda estaban mortas. Era preciso practicar un novo popularismo (Blanco Amor, Lorca), e os excesos radicais estaban destinados a ser asimilados nun discurso amolecido que en Galicia representaba moi ben Amado Carballo: vexan os estudos de Xosé Ramón Pena a este respecto. Por parte, a revolución psicanalítica inducía o que Dámaso Alonso chamou "re€humanización" do poema; diferentes "surrealismos" xurdían en Europa levando os símbolos do subsconsciente á literatura. Cunqueiro xogou ben xogada a baza do popularismo en Cantiga nova que se chama Riveira (1933), pero fíxolle a figa á reacción antivangarda rendendo homenaxe a Manuel Antonio en Mar ao Norde (1932) e practicando a abstracción contrafigurativa en termos absolutos no seu libro Poemas do si e non (1933). O Cunqueiro terríbel desconcertou á sociedade literaria galega dos días da República. Cando eu coñecín estas obras, era moi novo e a súa rebelión fixo de min un adicto do autor mindoniense e, certamente, vigués.

A idea dun Cunqueiro literariamente conservador áchase moi difundida e de certo vai durar moito tempo.Cunqueiro, máis alá das vangardas, non deixou de innovar toda a súa longa vida literaria. Desde logo, tivo gustos conservadores, poño por caso en materia de pintura contemporánea, pero o seu pulso literario levouno, até os días últimos seus, unha e outra vez, a bordo do abismo. Sempre avante.

Hai Cunqueiros e Cunqueiros. Eu prefiro aquel que encabeza a partida de mozos que se negan a aceptar o mandato dun semáforo na rúa de Policarpo Sanz, chegando á Porta do Sol (Vigo). Quero o Cunqueiro que inventa a narración fantástica disimulando que non é obra maior, no Merlín e seguintes pezas de ourivesaría pavorosa. O poeta que traduciu Pound e Éluard (digo eles só) ao tempo que marcaba, sen pretendelo pero facéndoo, a dirección que había de coller a poesía galega mellor do futuro. Naturalmente, eu aprecio o autor que, á súa maneira, pilla os mitos clásicos e vén colocalos en lugares distintos, tal que os deixan desprovistos das esencias divinas. Eu, sen dúbida, amo a Cunqueiro poeta derradeiro, o que atendeu os sinais da morte e fixo conexión fraterna coa mellor poesía comprometida, co home que florece unha Galicia nova da súa ancianidade.

Cunqueiro é un factor terríbel no decurso das letras patrias. Poucos €tamén poucas€ coma el tiveron a virtude de conmover o sistema e de innovalo con semellante radicalidade.