Entre a xeración máis nova de poetas galegos e a máis experimentada distan 70 anos. Estes polos, que poderían ser Luz Pozo Garza (1922) e Iria Gestoso (1988), están unidos por palpitacións, desgarro interior e ledicia pola festa da palabra. No tempo vivido por elas, os versos teñen viaxado polos xornais, os libros, a radio, a televisión e a Internet pero, a pesar dos disfraces, os poemas seguen sendo ese gancho á vida e á morte. María do Cebreiro descríbeo con contundencia. "Os poetas, cando escribimos, facémolo como francotiradores, para disparar no corazón do lugar, fóra do tempo".

Co gallo, hoxe, do Día da

Poesía, poetas galegos de diversas xeracións meditan sobre a situación da lírica autóctona. Das súas voces, xorde unha reflexión-cuestión: Está a poesía galega na vangarda da vangarda? María do Cebreiro (1976) así o cre: "Aquí, aínda se cre na vangarda; hai unha confianza na verba poética para romper. Eu diría que a poesía galega está na vangarda da vangarda europea actual. Non é triunfalismo".

Manuel Álvarez Torneiro (1932) discrepa. "Non estou de acordo. Un poeta notable dixo que era a mellor da península (Ferrín tamén asentiu nunha entrevista recente). É certo que hai poetas notables, que teñen sabiduría grande, pero dicir que estamos á cabeza, é moito dicir. Podo citar unha ducia de poetas españois (cataláns, andaluces...) cunha categoría maior da que teñen algúns en Galicia". afirma.

Para Álvarez Torneiro, "tiña que haber máis lectores e menos títulos. Algunhas obras son prescindibles. Ás veces, publicando moito (preto de cen títulos ao ano, segundo algúns autores) pensamos que somos bos".

Para Iolanda Castaño (1977), "a diversidade total de contidos e a pluralidade de rexistros e poéticas" maila "innovación" son os puntos fortes da lírica galega. A bandeira da vangarda europea, prefere non enarbolala, aínda que destaca a singularidade da poesía do país fronte á do resto do Estado.

Rafa Villar (1968) tercia entre o consagrado escritor e as puxantes poetas. "Producimos unha poesía bastante digna. En tódalas literaturas, publícanse máis libros dos que se len. A poesía galega sempre tivo certa vitalidade a pesar das condicións adversas que sufriu. Sobre o futuro, non son apocalíptico", di.

No fin da creación

A apocalipse xa se viviu hai tempo. "Desde que eu empecei a escribir no 1972 -lembra Helena Villar Janeiro- ata agora cambiou. Partimos dunha situación anómala como que eu escribín o meu primeiro libro de poesía en castelán porque non sabía escribir galego. Entón, había pouquísimas mulleres poetas; era unha poesía de resistencia".

Os que non mudaron foron co tempo foron os modos de iniciarse na droga dos versos. No caso de Helena Villar Janeiro foi en plena natureza. "A min, motivoume a escribir o que tiña dentro. Traballaba na Serra dos Ancares (principios dos setenta), incomunicada do mundo. Aquilo levoume a facer un caderno de anotacións e unha amiga miña díxome que era poesía e que o publicara", comenta.

Para Fernán Vello (1958) a nedesidade "case biolóxica" de "respirar poesía" a través do lapis e do papel chegou na adolescencia sen que o abandoara desde entón. "Para min, a poesía é unha respiración diaria" coas "raíces de tipo existencial. Ás veces, hai dor, sufrimento...". A novísima Iria Gestoso, gañadora do último Certame de Poesía María Soliño de Secundaria a aventura comezou "nun obradoiro literario". Dende entón, a poesía é para ela "unha forma de definirse a un mesmo, de dar unha parte dun aos demais".