Nunha decisión relampo, a conselleira de Cultura e presidenta do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), Ánxela Bugallo, decidiu antonte relegar a Manuel Guede da dirección do Centro Dramático Galego (CDG), tras catorce anos de actividade, e encargoulle á dramaturga Ánxeles Cuña -directora de Sarabela Teatro- a xestión da compañía pública. Sen dubidalo, Cuña aceptou a proposta nun momento de transición para o IGAEM -ao que está adscrito o CDG- despois do cambio de lexislatura. Este nomeamento parece respostar á "reforma en profundidade" que prometeu a conselleira no organismo dependente do seu departamento. Pero Ánxeles Cuña prefire non aventurar cambios profundos no caso CDG até que volva a falar con Bugallo.

-¿Quen e como lle propuxo o cargo e que condicións se puxeron por ambas partes?

-A proposta fixéronma onte (por antonte) desde a dirección xeral da Consellería, pero é todo moi prematuro para pór condicións. Para min é un motivo de agradecemento e unha responsabilidade enorme. Na Consellería hai un proxecto moi esperanzador e eu supediteime a este. Pero temos que seguir falando moito sobre as liñas de actuación.

-¿Por onde irán?

-Como dixen, é moi pronto para falar, pero dáme a impresión de que hai unha necesidade de reestructuración e sería bo un impulso novo e unha revitalización, aínda que de momento non podo dicir nada.

-¿Falou con Ánxela Bugallo?

-Tivemos unha breve conversa por teléfono e me emprazou para seguir falando nos próximos días. Pareceume unha persoa moi intelixente, cun discurso claro e competente. O traballo en equipo vai ser fundamental.

-Entón, non haberá continuísmo, senón reformas...

-O CDG ten un programa moi coherente e hai que desenvolvelo, pero, insisto, é moi pronto. O que supoño é que o CDG pode ser a casa de todos, un foro plural, cuxos proxectos non teñen por que pasar polo personalismo ou o amiguismo, senón que teñen que estar ideados para chegar á cidadanía, e que terán que ser valorados non pola súa cantidade, senón pola súa calidade. Estou convencida de que se promocionará a excelencia artística e a promoción de novos creadores, e haberá un nivel de formación e de potenciación maior da dramaturxia propia. O CDG pode ser o eixo vertebrador e dinamizador da cultura teatral galega, e temos que aumentar o achegamento dos espectadores, porque este é un ben público.

-¿Teme que se fale de cargo político no seu caso?

-Entramos nunha etapa moi esperanzadora co novo Goberno, e Cultura vai ter un papel importantísimo na potenciación da unidade da producción teatral. Estamos nun momento de cambio e sei que se vai incentivar a comunicación no sector. Esta é unha profesión de resistentes e as discrepancias poden ser saudables, pero todos temos un obxectivo común á marxe das ideoloxías. No meu caso, comparto a liña que se me propuxo.