O acto tivo lugar no Parque de Vista Alegre, a carón da Escola de Altos Estudios Musicais, lonxe dos despachos. Non foi por casualidade, como explicou a nova conselleira de Cutura e Deporte, Ánxela Bugallo, que a toma de posesión do seu gabinete fora alí. Escolleuse "o aire libre" porque os membros deste departamento queren "estar fóra de paredes que os illen" e, ó mesmo tempo, "dar vida a este tipo de centros e que a xente os coñeza e os disfrute".

Porque moitas das iniciativas culturais se desenvolven "fóra dos circuítos estructurados das institucións", argumentou a conselleira, e trátase de "apoiar a esa xente". "Prestaremos especial atención á cultuar que fai a sociedade e ás novas tecnoloxías", engadíu. Asemade, a titular de Cultura adiantou que, "fronte á cultura da cantidade", o novo Goberno vai apostar "pola cultura da calidade", de xeito que "a cultura galega sexa a marca de calidade da nosa sociedade" e que sirva "para construír unha Galicia diferente".

Con esta finalidade, explicou, o novo Executivo tentará "expandir as nosas industrias culturais", de xeito que a cultura galega xenere "productos universais cunha marca propia". "Que ningún talento quede sen se realizar porque é urxente facer visible a cultura galega coa súa riqueza e pluralidade" é outro dos obxectivos expostos pola conselleira durante a presentación da súa equipa, composta por tres directores xerais, un secretario xeral e unha xefa de gabinete.

Bugallo, que entrou na executiva do BNG na última Asamblea Nacional, converteuse na man dereita de Quintana. Aínda que está sen confirmar, entra dentro do probable que abandone o seu escano como deputada.