Un catedrático de Literatura afeito á docencia. E o home escollido no ano 1999 pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a petición da Academia Sueca, como candidato da Literatura Galega ó premio Nobel. Ese é o titor que terá Iria López cando no mes de outubro se peche na Casa Grande do Bachao para rematar a novela cuxa primeira memoria convenceu ó xurado do I premio Biblos.

Máis ca titor, Méndez Ferrín adiantou que será un "sparring". Para quen ignore o significado, dicir que en boxeo se utiliza para definir a un contrincante co que practica o boxeador e que adoita, para facilitar a práctica, recibir máis golpes do que recibe. Traducido ás verbas de Ferrín: "Eu voulle facer a Iria de sparring. Vaime usar para macharcarme, que é o que facemos os escritores cos achegados a nós que teñen acceso ós nosos traballos durante o proceso de creación. Lémoslles anacos, pedímoslles opinóns... Non lle vou dar ningún tipo de lección teórica nin práctica e ó mellor tamén aprendo eu algo novo".

¿E o resultado? Ferrín está convencido de que daquí "vai saír unha escritora" e, "probablemente, unha novela boa".