A próxima festa da cultura galega xa ten nome propio. O historiador e escritor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), alcumado o "vello profesor" polo seu papel como docente, será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas en 2015 pola súa "extensa obra de carácter divulgativo" que o converte nunha das "figuras centrais da cultura galega do século XX".

A Real Academia Galega (RAG) acordouno nunha reunión ordinaria celebrada onte. O presidente da institución, Xesús Alonso Montero, destacou que foi un escritor prolífico e dotado de grande erudición.

Filgueira Valverde foi membro fundador do Seminario de Estudos Galegos, director do Museo de Pontevedra, alcalde da cidade do Lérez e, xa na democracia, conselleiro de Cultura.

Filgueira Valverde foi elixido tras ser presentada a súa candidatura -de conformidade ao regulamento de réxime interno da RAG- e ao carón da que concorreron as de Xela Arias Castaño, Ricardo Carvalho Calero, Celestino Fernández de la Vega e Manuel María Fernández Teixeiro.

O Consello da Cultura Galega destaca do perfil do intelectual pontevedrés que se ligou dende novo aos proxectos culturais do país, formando parte do nacemento do Seminario de Estudos Galegos con Luís Tobío e Fermín Bouza Brey.

Pontevedrés de nacemento, desprazouse a Santiago para estudar Dereito, carreira na que se licenciou con Premio Extraordinario. Nesta mesma universidade e na de Zaragoza cursou Filosofía e Letras (sección de Historia), na que se doutorou con honras. Ademais, diplomouse en Psicoloxía. Foi no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra, pouco despois de licenciarse en Dereito, no que empezou exercendo como axudante docente. Posteriormente, asumiría Lingua e Literatura como profesor encargado. Xa en 1935 foi nomeado catedrático numerario do Instituto Balmes de Barcelona e pasou a exercer no mesmo ano en Lugo.

Xa un lustro máis tarde, desprazaríase á súa cidade natal, na que dende 1946 e durante 30 anos, ata a súa xubilación, dirixiría o Instituto de Pontevedra.

Membro numerario da Real Academia Galega dende 1942 -onde ingresou pronunciando o discurso "Da épica na Galicia medieval"- estivo ligado dende os seus inicios ao Partido Galeguista, que acabou abandonando pola súa política de pactos coa esquerda.

Nos 60, durante o réxime franquista, foi alcalde da súa cidade e, posteriormente, xa en democracia, conselleiro de Cultura do primeiro goberno de Gerardo Fernández Albor. Dende este cargo, segundo certifica o perfil do Consello da Cultura Galega, defendeu o "bilingüismo" no ensino nas Cortes e impulsou o Museo de Pontevedra, que posteriormente dirixiu.

Entre os galardóns cos que foi distinguido, o "vello profesor" recibiu o Premio da Crítica das Letras e das Artes, a Medalla de Ouro da Provincia de Pontevedra e foi nomeado Fillo Predilecto de cidade do Lérez, así como doutor honoris causa por varias universidades españolas.

Os avais do gañador Filgueira Valverde viñeron dos académicos Díaz Fierros, Pegerto Saavedra, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e o historiador ex-presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro. A Ferro Ruibal débese o discurso de presentación do candidato gañador no plenario no que se elixiu o nome que será homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Tamén se presentou a candidatura de Ricardo Carvalho Calero, que apoiaron tres membros da anterior executiva da RAG presidida por Xosé Luís Méndez Ferrín. Manuel González, Francisco Fernández Rei e o dramaturgo Euloxio Ruibal. Foi Francisco Fernández Rei quen fixo a defensa pública de Ricardo Carvalho Calero.

Con menos forza saíron as tres candidaturas que -según fontes presenciais- caeron antes. A de Xela Arias defendida por Ramón Lourenzo, Antón Santamarina e Fernández Ferreiro, a de Celestino Fernández, promovida por Rosario Álvarez e Queiruga, os dous da executiva, e a de Manuel María, defendida, entre outros, por Margarita Ledo Andión.