Dicía Roberto Vidal Bolaño, o dramaturgo que será homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, que se o seu teatro "non triunfaba aquí, non triunfaría en ningunha parte". A súa obra viaxou por todo o mundo, pero once anos despois do seu pasamento, o mundo escénico galego languidece baixo a crise.

A décimo sétima edición dos Premios María Casares celebrada onte no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, non so foi escenario un ano máis do recoñecemento ao talento e traballo do xénero en Galicia, senón un voceiro para denunciar os problemas do sector. Todo isto, nunha gala chea de humor de todas as cores e na que a compañía Voadora foi a gran triunfadora con cinco galardóns, sendo elexida como mellor espectáculo a obra "Nuncabunga", de Elefante Elegante SC.

O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Toño Casais, foi o primeiro subirse ás táboas do teatro local, amosando un discurso crítico que daría as claves do devir da gala. Casais fixo balance dun 2013 "desastroso" para o teatro, un ano no "que non hai axudas e onde xa non hai nada que reducir nos orzamentos".

Unha mensaxe que ía dirixida ao palco de autoridades, no que tomaba asento o flamante director do Agadic, Jacobo Sutil. "Asistimos a un desmantelamento das artes escénicas e levamos moito tempo agardando por un presidente que nada ten que ver co teatro", aduciu Casais. O crítico discurso duraría durante as seguintes dúas horas, aínda que daba paso ao dúo presentador xa que "só nos pode salvar a ficción". Tras facer uso da ratsinal, Marcos Orsi e Xulio Abonjo, da compañía BaCaNa, subiron ao escenario baixo as personaxes de Ratman e Bobyn, erixidos como a solución ante a "emerxencia nacional".

Nun ton máis solemne foi a intervención do escritor e presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, encargado de ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Nel advertiu que "toda agresión ao teatro, é unha agresión contra a cultura". A figura de Bolaño e Rosalía de Castro tamén estivo presente no discurso.

No apartado de premios, un total de dezasete producións teatrais aspiraban a conseguir un dos galardóns nas trece categorías nas que se dividen. "Viaxe a ningunha parte", de Sarabela Teatro, e "Tokio 3", de Voadora, partían como as favoritas con dez e nove nomeamentos respectivamente. Foi Voadora a que acabou subindo en cinco ocasións ás táboas para recoller a xerra coa testa de María Casares fronte as catro de Sarabela Teatro.

O actor Xosé Manuel Oliveira Pico -que non puido acudir ao festival- recibiu o galardón ao mellor actor protagonista pola súa actuación en "Kafka e a boneca viaxeira", da compañía Eme2 emoción&arte. Marián Bañobre recolleu, cun vestido que levaba bordado o slogan "Cultura contra a mentira", o premio á mellor actriz protagonista por "Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios", de Ibuprofeno Teatro.

A compañía Voadora levou o quinto premio pola dirección de Marta Pazos en "Tokio 3". O último galardón entregado, o de mellor espectáculo, decidiría se finalmente sería "Tokio 3" ou "Viaxe a ningunha parte" a obra máis premiada. Porén, colaríase entre as dúas "Nuncabunca", de Elefante Elegante SC. Foi o broche de ouro a unha gala chea de denuncias á Administración que quedarán na retina de moitos, como Pilar Pereira, que recibiu o Premio de Honra Marisa Soto.