01 de diciembre de 2010
01.12.2010

Homenaxe institucional no CGAC, en Santiago

01.12.2010 | 09:37

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidirá hoxe, a partir das 17.00 horas, o acto institucional de homenaxe da Xunta de Galicia e outras entidades a Francisco Fernández del Riego, finado o pasado venres en Vigo.
Ademais da Xunta, apoian este acto a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol (que dirixiu durante uns 50 anos) e a Editorial Galaxia, segundo informaron dende a Administración galega.
Neste caso, o Parlamento Galego non se une á homenaxe xa que para facelo debería haber un acordo no seu seo e o vindeiro pleno da Cámara non terá lugar ata a semana do 13 ó 18 de Nadal. Non obstante, a presidenta da mesma, Pilar Rojo, acudirá a título particular, tal e como fixo ó funeral celebrado o pasado luns en Vigo na Colexiata.
O obxectivo do acto de hoxe en Compostela no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ten como fin ofrece-lo "recoñecemento da sociedade galega ao intelectual galeguista".
Entre os persoeiros que xa confirmaron a súa asistencia e que participarán no acto, atópanse a familia de Del Riego; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín; o vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta; e o director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes.
A ambientación musical correrá a cargo do Cuarteto Rosalía; mentres que as escritoras Rosa Aneiros e Luis Castro realizarán lecturas na memoria de Don Paco.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

 
Enlaces recomendados: Premios Cine