No primeiro día, onte, de memorial civil en lembranza da figura de Fernández del Riego (a homenaxe proseguirá hoxe na Penzol de 11.00 a 18.00 horas para as sete da tarde celebra-lo funeral na ex Colexiata), máis de 160 persoas acudiron para deixar unha mensaxe a Don Paco ou, simplemente, velar polo seu espíritu.

Entre as persoas asistentes, Isabel, unha muller de 82 anos que lle levaba comida a Del Riego cando este estivo no cárcere durante a represión. Tampouco faltaron traballadores de Citroen e xente dos sindicatos que lembraron con Víctor Freixanes, director actual de Galaxia, cómo "actuaba Del riego como home bo nos convenios colectivos cando o chamaban".

Non o perderon o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o tenente de alcalde, Santiago Domínguez Olveira; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o representante do bispo, escritores, intelectuais, máis políticos e xente da rúa vencellada ó discurso nacionalista e cultural galego.

Achegarse aquí "era unha cita obrigada; este é un día histórico", sinalaba María Diéguez mentres a súa filla Aldara asinaba a súa dedicatoria ó patriarca. Pouco despois Perfecto Ramos amosábase optimista ante o legado de Don Paco: "Eu penso que neste país aínda hai moito que facer e o que el empezou moitas persoas o van seguir."

"Son escritor e profesor. Si tiven trato con Don Paco desde a época formativa na Penzol. Tiña un gran respeto polo seu traballo intelectual e a súa figura humana –dicía onte Carlos Bernárdez– porque foi un referente na recuperación da cultura de Galicia. Os seus traballos sobre a historia da literatura galega como Antoloxía da poesía galega nos 50 son obras de referencia. O coñecemento das novas xeracións sobre o seu traballo será variable e dependerá do ámbito".

A redondelana Oliva Amoedo botaba aínda máis leña a isto último: "Hai moita xente nova que non sabe nin sequera quen é Del Riego. Iso é un pouco triste". A continuación, engadía que "motivounos vir aquí que este home sempre colaborou coa nosa asociación, Instituto Estudos Redondeláns, facéndonos prólogos dos boletíns que editamos. Non facía falta máis que dicirllo para que estivera disposto a colaborar e animar. Creo que mentras viviu, non lle demostrámo-la súa valía". José Antonio Orge, ó seu carón, engadía: "Fixo moito por Galicia e por Vigo".

A profesora Amelia Lago non se quedaba atrás nas súas consideracións. "Veño rendirlle culto a un home que traballou por esta lingua toda a vida. Eu creo que hai descoñecemento sobre o que fixo e, para iso, témo-lo Día das Letras Galegas".

Jesús Gago, vicario xeral da Diócese de Vigo, tamén se achegou á Penzol para mostrar "estima e aprecio a Don Paco, unha persoa cunha lucidez extraordinaria, que fixo o indecible pola cultura galega". Como engadido, resaltou tamén "a súa dimensión cristiana de fe que harmonizaba coa súa actividade cultural galega".

O cadro de Xulia

Todas estas persoas puideron asinar no libro de condolencias situado nun atril no primeiro andar da Casa Galega da Cultura e da Fundación Penzol en Vigo . Á dereita do atril, unha bandeira galega e un retrato que fixera a pintora Xulia Minguillón de Del Riego. "Xulia era gran amiga del e el tíñalle un cariño especial a ese cadro", explicaba Freixanes.