18 de abril de 2009
18.04.2009

Escritores en Lingua Galega homenaxean a figura do desaparecido Ramiro Fonte

Intelectuais do mundo das letras reúnense en Vigo para despedir ao poeta coruñés

18.04.2009 | 02:00
Xosé María Álvarez Cáccamo le uns versos dedicados a Ramiro Fonte onte na Fundación Caixa Galicia.

Ramiro Fonte pode alardear de ter amigos e familiares aínda cando non está. A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e as persoas máis próximas homenaxearon onte en Vigo ao poeta coruñés nun acto no que non faltaron louvanzas á súa obra e á súa persoa.

O Grupo Instrumental Siglo XX foi o encargado de iniciar o acto cunha pequena intervención musical nunha gala que se celebrou na sede viguesa da Fundación Caixa Galicia.

Tras a actuación, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckenberg e Xulio López Valcárcel dedicaron un recital poético que ensalzou a xenialidade de Ramiro Fonte.

Tras unha segunda actuación musical, as recitacións continuaron coas intervencións dos escritores Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias –presidente de AELG e organizador do acto– e Xavier Seoane.

Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) finou en Barcelona o 11 de outubro de 2008. Ocupaba a dirección do Instituto Cervantes en Lisboa. Colaborador en presa e membro da Real Academia Galega da Lingua, exerceu como docente de Lingua e Literatura Galega en Vigo e foi profesor no Instituto Cervantes en Londres.

Entre os galardóns que recibiu caben salientar o Premio da Crítica de Galicia, o Premio da Crítica Española, o Losada Diéguez e o Esquío, entre outros.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 
Enlaces recomendados: Premios Cine