O vindeiro ano, Ramón Piñeiro López (Láncara, Lugo, 1915- Santiago, 1990) convertirase no autor número trinta e seis ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Fundador da Editorial Galaxia e primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega (RAG) deu a coñecer onte que será o homenaxeado no 2009, el que fora escollido membro numerario da institución no ano 1967.

A Academia destacou "o seu labor como promotor da normalización da lingua galega nos anos difíciles da posguerra", o que quedou recollido en artigos e actividades. Tamén tivo en conta a "dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura". A xuízo desta institución, esta defensa "debe ser unha referenza moral indiscutible e necesaria para as novas xeracións".

Como autor, a Academia resaltou os seus traballos sobre pensamento e filosofía, que versaron maiormente sobre a saudade entendida como morriña. Tamén destacaron as traducións das obras de Pokorny e Heidegger que realizou en colaboración con Celestino Fernández de la Vega.

Precisamente, estas traducións supuxeron un avance na normalización do galego como lingua que non só debía reducirse aos eidos da novela e da poesía, senón estenderse ás restantes áreas do saber. O seu labor ensaístico recóllese parcialmente nos libros "Olladas no futuro", "Galicia", "A linguaxe e as linguas" e "Lembrando a Castelao". Nestes textos, o seu pensamento retransmite "a necesidade da reafirmación cultural de Galicia para a súa realización como pobo", sinalou onte a RAG.