Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os Borbóns e a Jarretière

Honni soit qui mal y pense

A raíña Sabela II, cabeza da Jarretière. coas vestimentas desta Orde inglesa.

Confóndenseme na memoria vellos documentais a color. O do funeral de Xurxo VI e o da coroación de Sabela II, ambos soberanos do Reino Unido. Alouleei coa pompa, as fardas, os penacos, as courazas, as carrozas, unha raíña polinésica a botar bicos desde o seu coche-canastro. Sobre todo, impresionáronme os cabalos e a roupa extravagante que vestía Churchill por Westminster adiante.

Explicoume meu pai, anglófilo, que a vestimenta que lucía o estadista, descendente do Mambrú e pouco amigo dos Borbóns, era a regular da Orde de cabalaría máis importante de Inglaterra: a da Jarretière. Ou, en inglés, The Most Noble Order of the Garter. A que leva unha liga de muller como divisa. Segundo souben, o rei Enrique III, no s. XIV, achándose, nun baile, a marcar o "viré" con Xohana de Kent, a esta lle escorregou até o chan unha liga das medias; daquelas chamadas "conejeras" por Valle-Inclán. Galante, o rei apañou a liga e puxoa, segundo as variantes, baixo o propio xeonllo esquerdo ou nun brazo. O baile parara e fixérase silencio de xeo no pazo de Elham. Eduardo ergueu un dedo ameazador e advertiulle á corte: "Honni soit qui mal y pense!". Ou sexa: "Mal haxa quen pense mal disto". E proseguiu a danza, quedando así fundada a Orde da Jarretière, da Garter ou da Liga que o rei ostentou durante o resto da festa coma un penhor de amor cortés. Escusamos decer que, no século XIV, a corte de Inglaterra falaba francés.

As cerimonias e paradas e etiqueta da monarquía británica non son exactamente a expresión dun tradicionalismo atávico e inocente. A forma do ceremonial que hoxe coñecemos quedou fixada na era da raíña Victoria (1837-1901), por cuxas veas circulaba pouco sangue normando e menos saxón e celta. O principal deseñador dos espectaculares protocolos, hoxe aínda vixentes, foi Benjamin Disraeli, primeiro ministro da raíña lonxeva; e suxeito afeccionado a escreber novelas das cales con dificultade hoxe se lembra unha de título Sybil. Non só Disraeli se ocupou de gobernar senón que deseñou uniformes, vestidos, edificios neotudor, regulamentos de ordes e condecoracións, escenografías e, en fin, o aterezo imperial que serviu e aínda serve para impresionar con finalidade política. E todo ao servicio da unidade, sempre precaria, das Illas e dun Imperio extendido por todo o mundo. E tamén para impresionar o fillo rebelde, os EEUU, cuxo segundo presidente, John Adams, fixera as paces coa Coroa en Londres despois de dar unha volta por Galicia moi ben glosada en verso por Ezra Pound.

A Orde da Jarretière ou Garter ou da Liga é o máis valioso presente que un soberano lle pode facer a alguén. Desde Disraeli a acó, este regalo outórgase con fins tácticos de comenencia británica e aconsellado na sombra polos primeiros ministros. O rei mozo de España Filipe VI, acaba de recibir da raíña de Inglaterra, parenta súa non arredada, a Orde da Jarretière. Tanto Sabela como Filipe son os dous testas coroadas por cuxas veas corren sangues de castimonias e países moi alonxados de aqueles sobre os cales reinan.

A proximidade familiar entre Sabela e Filipe é activada e usada, ao noso ver, no intre en que Londres abandona a UE e inicia unha viaxe ao centro da súa historia cuxo fin é adaptar a Commonwealth e o contrato de irmandade con USA ao novo mundo multilateral no que estamos a entrar. Todos os amigos lle resultan hoxe poucos á Grande Bretaña e as parentelas e as estirpes reais poden resultar moi útiles na hora crítica do "brexit".

Do mesmo modo que, hai anos, o rei Xohán Carlos foi ben tratado, e de forma igual, en días nos que Gran Bretaña e os EEUU querían construír unha España posterior a Franco a medida dos seus desexos. E conseguíronno.

Seguramente os lectores verían que a raíña inglesa despregou toda a capacidade de seducción da pompa e cerimonia disraelita en honor do presidente norteamericano Donald Trump. A raíña sentou Trump á súa mesa, no Buckingham Palace, e púxolle diante talleres, pratos e cristalería cos cales seguramente o yankee non estaba familiarizado. Ensinoulle os soldados de gala e, naturalmente, os cabalos. Pero non lle concedeu a Orde da Jarretière. Moita xente podía morrer de risión en Inglaterra ao mirar Trump co toucado e coas fardas rituais daquela Orde, e portando a Liga. Pero en grau menor, as antiguallas resustadas de Disraeli (e non só) seguramente cumpliron tamén con Trump o efecto de Estado que perseguían. Neste caso, afortalar os lazos do UK coa EEUU no intre no que a Europa comunitaria escacha e China con Rusia enfeblecen o imperialismo transoceánico occidental.

O comentario anterior contén verdade. Pero a función diplomática do falso medievalismo da Inglaterra monárquica pode estar suxeito a diversas interpretacións á luz da historia e da xeopolítica máis actual e en curso. Con todo teño medo de que alguén me tome por desconfiado. "Honni soit qui mal y pense!".

CAIXA POSTAL

Lusiadas

Aínda que a súa grafía manual pode inducir a error, igual que ocorre coa miña propia, penso que é Nuria García o nome dunha amábel comunicante, funcionaria xubilada da Universidade Compostelá. Ela fai, nunha longa carta escrita en galego, diversas consideracións. Dinos que é catalana de Barcelona, aínda que arraízada en Vigo. Coméntanos, entre outras cousas, que non lembra ben en que lugar d'Os Lusíadas aparece mencionada Cataluña. Teño que recorrer a unha miña nota extravagante, alén de á miña memoria, para darlle algunha pista, xa que non teño agora á man ningunha edición do poema de Camões. Lembro que no Canto III, onde o autor fai unha famosa descripción dos pobos e países do Mundo, di algo así: "Tem o Tarragonés, que se fez claro,/ Sujeitando Parténope inquieta?". Aquí "o Tarragonés" sería nome encoberto do rei Afonso V de Aragón e Cataluña.

Parténome é nome de prestixio de Nápoles. A memoria é, con todo, incerta e non poido axudar mellor a miña comunicante na súa procura de Cataluña e os Cataláns no océano inmenso d'Os Lusíadas.

Agustina

Tamén recibimos carta de alén Miño. Moi concretamente da cidade de Valença. Escríbenos o señor, e amigo, Alberto Magno Pereira de Castro, quen foi un tempo presidente da cámara municipal. O noso remitente acumula as condicións de militar, político e historiador, entre outras. Os seus estudos sobre historia local, referida a Valença e Alto Minho, así como de xenealoxía e heráldica, son imprescindibeis e deben ser frecuentados por todo aquel que, alén de alardes de amor á pequena patria, quixer coñecer a verdade sobre o caso das relacións básicas entre a Galicia Sul e o Portugués Norte, especialmente na Idade Moderna, e con referencias precisas e discurso propio. Desde a antiga Contrasta, que é a actual Valença do Minho, tivo o historiador Pereira de Castro a atención de nos enviar ao Fondo dos Espellos un billete no cal nos fai partícipes da súa admiración pola obra de Agustina Bessa-Luís, cuxa novelística el coñece e á que segue como autora desde 1958.

Naturalmente, as miñas rendidas grazas tanto a Nuria García como a Alberto Pereira de Castro.

Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:

X. L. Méndez Ferrín

Faro de Vigo

Policarpo Sanz, 22 Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats