Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xabier Quiroga: "A suposta fuxida de Hitler por Vigo é un campo aberto á investigación"

A súa primeira incursión en lingua castelá chega cunha novela sobre a "Ruta das Ratas" pola que os nazis fuxían de Europa por Galicia e na que recupera algún personaxe xa familiar na súa obra. Esta edición (Ediciones B) supón unha "grande satisfacción" para Xabier Quiroga.

O escritor, coa súa novela na súa casa no Deza

O escritor, coa súa novela na súa casa no Deza

Baixo o título "La casa del nazi", e malia non supoñer un palíndromo exacto, Xabier Quiroga (O Saviñao, 1961) voltea a orde do título dunha obra -"Izan o da saca"- que xa alcanzou a cuarta edición no seu orixinal en lingua vernácula. A trama principal está vertebrada sobre a presenza nazi en Galicia. "Un tema moi atractivo", para o escritor e docente, que engade: "aínda é un campo moi aberto no ámbito da investigación". Non en balde, hai diversos enclaves da xeografía galega nos que se constatou a actividade dos nazis e, nomeadamente, o porto de Vigo está dentro do itinerario denominado "a Ruta das Ratas", é dicir, aquelas vías de escape utilizadas polos xerarcas derrotados na Segunda Guerra Mundial para abandonar o continente europeo. Evitaron así a depuración das súas responsabilidades polo conflito. Con respecto á posibilidade de levalo ao cinema ou a unha serie, asegura que daría unha boa cinta, aínda que non haxa arestora ningún proxecto sobre a mesa. "Nós [os autores] mandamos pouco sobre ese tema", sorrí. Tras conquistar o Premio da Crítica con dúas novelas ("O Cabo do Mundo" e "Zapatillas rotas"), confesa que nunca escribirá sobre algo "que non lle estea próximo".

- Que representa a apertura ao mundo de falantes en castelán?

- Todos os que escribimos buscamos ter lectores. E como escritor galego e en galego, a cantas máis linguas se poida levar a obra, significará abrir o abano de lectores. Por iso digamos que estou encantado. Pero chega logo dunha longa batalla na que semellaba que ninguén se interesaba polos nosos creadores. Por iso creo que represento a ese escritor galego con dificultades para saír fóra. E se cadra é este feito o que tamén provoca a sorpresa da enorme implicación desa editorial castelá.

-Cuarta edición en galego e, entre outros, Premio San Clemente. Esta novela xa ten vida propia?

-Certamente. Como na canción de Manolo García, "hago pájaros de barro y los echo a volar", escribir é crear; intentar fantasear e deixar unha obra voar para que a lean e a interpreten. Logo eses paxaros xa non che pertencen, pertencen ao lector. Esa cuarta edición significa que moitos a leron e que interesa. E o do Premio San Clemente foi unha sorpresa aínda maior, en parte porque os mozos demostráronme que lles interesa.

-Confúndense realidade e ficción. Hai un traballo de documentación moi arduo detrás?

-Hai. Pero un traballo de documentación moi interesante, case tanto, ou máis, que escribir a novela. Todo partiu dun libro que falaba da presenza nazi en Galicia, entón decidín mergullarme no tema e rematei falando con persoas e constatando que aínda hai moito agochado. Nesa busca da realidade tamén cavilei previamente que podía facer unha novela, porque os nazis despertan certa fascinación, e esa idea de que habitaron entre nós e estiveron aquí ocultos despois da II Guerra Mundial daba para mesturar feitos e recreación ficticia. Para conformar o relato visitei moitos dos lugares que aparecen na novela e nos que se confirmou a súa presenza.

- Que se pode dar por certo da presenza nazi en Vigo?

-A presenza nazi en Vigo e arredores durante o franquismo, e especialmente durante e despois da II Guerra Mundial, está máis que demostrada. Non porque o diga eu, que son un simple documentalista para a ficción, senón porque hai constancia por todo tipo de medios, tanto nos escritos como nas fotos ou vídeos, pero tamén no que máis importa: a memoria colectiva. As persoas que viviron daquela así o testemuñan. O que acontece é que, co paso do tempo, tendemos a mitificar certos elementos da historia. O elemento nazi é un deles, se cadra por esa fascinación que aínda provocan. Pero o de Vigo non é mito, senón realidade.

- Pero sobre a suposta fuxida de Hitler polo porto vigués...

-En canto a Hitler, eu non sei se é verdade ou non que pasou por Galiza para agocharse en Sudamérica, e son moi escéptico en acreditar nas palabras do Farandulo, o canteiro de Forcarei, a única persoa que hoxe por hoxe sostén que viu ao Führer, xunto con Eva Braun, no mosteiro de Samos. Creo que esa teoría debería madurarse ou argumentarse máis. En fin, deixarémolo como un misterio do pasado, ou un campo aberto da investigación histórica.

-Hai personaxes na novela que existiron e outros que semellan inspirados en reais.

-Se un colle os personaxes da novela, vai atopar uns que existen ou que existiron e outros cambiados de nome. Pero tamén a trama necesitaba un protagonista lixeiro e non o tradicional investigador ou policía ao uso [polo que recupera ao Reina, personaxe da novela, "O Cabo do Mundo"]. E xunto a eles aparecen personaxes inventados, que son o complemento necesario para a historia, como o político e o fiscal, porque a novela en si é unha busca no pasado sobre as posibles implicacións familiares cos nazis dun magnate da política e da empresa galega.

-A súa outra vocación toca o eido educativo. Como ve a situación do ensino en Galicia.

-A necesidade dun Pacto polo Ensino a nivel político é obvio, porque o que non podemos facer é mudar a lei con cada cambio de goberno. E tampouco poden ser os políticos quen xestionen e manexen a educación, senón auténticos expertos e xente actualizada. Estamos nun momento grande de cambio coas novas tecnoloxías; aos rapaces interésalles algo diferente ao que se facía antes. A educación, coma a vida, ten que adaptarse aos novos tempos e medios. Neste sentido creo que debemos facer unha profunda reflexión. Agora ben, tampouco podemos pensar que que a tecnoloxía é o novo deus ao que adorar, pois cada día percíbense menos coñecementos, menos lecturas... Pérdese moito tempo con pantallas sen compoñente creativo e que provocan dispersión e inmadurez.

-Ten Quiroga algunha novidade literaria na súa saca?

-E terei. Pero creo que tardarei en publicar. Xa teño dito que prefiro sacar seis obras que me gusten, sen ter en conta o tempo que me leven, que facelo por encargo ou porque mo esixen.

- Como ve a situación da lingua galega.

- O noso idioma está en claro perigo de extinción, retrocede, e se desde as altas instancias non son capaces de velo, o futuro será aínda máis negro.

Compartir el artículo

stats