Rosca de Camos, xamón asado de Chandebrito, cabrito estofado de San Fiz, xurelo guisado de Panxón, Kiko de Parada, empanadillas de polbo de Priegue e calamares recheos da Ramallosa son as sete receitas que recoñecidos cociñeiros de Nigrán convidan a todo o mundo a probar. Para elo, ofrecen todas as pautas para cociñar o mellor dos pratos, aportando unha listaxe dos ingredientes necesarios e unha descrición polo miúdo do xeito de preparación. Ademais, cada unha das receitas aparece asinada co nome do autor/a e cunha ilustración posando con prato en cuestión

Unha muller xogando á ra. | //FDV

Estas receitas son unha pequena parte da guía turística que vén de lanzar o Concello de Nigrán a través da cal da a coñecer as súas sete parroquias e todo o que elas poden ofrecer ao visitante. Ademais tamén presenta os principais eventos socioculturais do calendario, o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, roteiros de sendeirismo, información das praias e unha listaxe de aloxamentos e restaurantes.

Aproveitando a presenza en Fitur, o Concello de Nigrán presentou publicamente esta nova guía do municipio que releva definitivamente a todo o material promocional anterior ao ofrecer un contido actualizado e acorde ao lema estreado no ano 2021 ‘Nigrán, Equilibrio Natural’. Os 200 exemplares levados á Feira Internacional de Turismo esgotáronse na primeira xornada, con todo o libro está pendurado tamén na web municipal en formato pdf para que o poida descargar calquera persoa interesada.

A través dun deseño innovador a cargo da artista local Anubis Muñoz e cunha información recompilada e elaborada polos servizos técnicos do Concello, os visitantes poderán descubrir nun único libro editado en papel reciclado o patrimonio natural e cultural de cada unha das sete parroquias e a súa historia, roteiros, eventos, curiosidades e mesmo receitas típicas.

Ademais, a edición é trilingüe (galego, castelá e inglés) e cada exemplar (en formato pequeno de medio folio para resultar máis manexable) está contido nunha carpeta xunto con mapas parroquiais cos puntos de interese.

“Ata agora no Concello dispoñamos de moito material promocional de diferentes épocas, contidos e deseños, así que o obxectivo foi reunir nun só exemplar, e cun formato atractivo, todo tipo de información práctica ou de interese e que sintetice o noso lema: Nigrán, equilibrio natural”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que “se presta atención ás sete parroquias sen primar unhas por riba doutras porque todas teñen a mesma importancia”.

Esta recente edición permite incorporar novidades como o mural da artista Lula Goce en Panxón, a nova Biblioteca Municipal, o Bosque da Memoria ou o monumento a Milladoiro en Chandebrito, o miradoiro do ‘Pericoto do Vilar’ en Camos, a cervexa ‘Nigrán, Equilibrio Natural’, a posibilidade de seguir roteiros de sendeirismo a través da aplicación Wikiloc ou mediante códigos QR, etc. Ademais, a guía ofrece desde a típica información relativa a hospedaxes e restaurantes, transportes ou principais eventos a outra máis curiosa como un ‘metrominuto’ de distancias en tempo a pé aos puntos de interese do municipio ou apartados específicos de surf, praias e do Camiño Portugués pola Costa.

“En definitiva, a guía deixa patente que en Nigrán temos unha riqueza natural inmensa, onde non hai que elixir entre mar e montaña, cidade ou vila, soidade ou xentío, porque o reunimos todo nas nosas 7 parroquias”, insiste o rexedor.

Unha guía con ilustracións e apenas imaxes

Tal e como explica a técnica de Turismo do Concello, Merce Pedrosa, “non é unha guía ao uso na que o municipio se presenta case exclusivamente con imaxes bonitas das nosas praias, se non un libro onde o máis curioso pode afondar en cada unha das parroquias descubrindo polo miúdo aspectos que raramente se mencionan en webs turísticas”. Por iso apenas hai imaxes, optándose por ilustracións de monumentos ou que interpretan máis libremente as paisaxes. “Queremos que o visitante acuda aos lugares atraído pola propia información que ofrecemos, as fotografías xa inundan as redes e Internet, o noso cometido é ofrecer información de calidade e actualizada”.