25 de enero de 2020
25.01.2020
Faro de Vigo

Rap, teatro e cine nos institutos para recuperar "a memoria das mulleres"

O Concello presentou onte a relación de actividades previstas para desenvolver nos institutos de Pontevedra en materia de memoria histórica

25.01.2020 | 01:47
Xaquín Moreda. // FdV

O concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda, presentou onte a relación de actividades que se levarán a cabo ao longo do primeiro semestre do ano nos institutos de Pontevedra en memoria histórica, concretamente sobre as lembranzas das mulleres.

Mediante obradoiros de rap, proxeccións audiovisuais, obras de teatro, roteiros e conferencias, o Concello tentará "espertar o interese pola memoria da cidade na xente máis nova, por iso intentamos desenvolver un programa amplo e con actividades de todo tipo", indicou o edil nacionalista.

Esta iniciativa, que xa se levou a cabo o ano pasado, ten como principal novidade o obradoiro de rap, mediante o cal se intentará facer "reflexionar ao alumnado sobre o acontecido en xullo do 36 e tamén sobre a importancia da linguaxe na transmisión da memoria", explicou Moreda. Dito obradoiro será impartido polo pedagogo e coñecido músico galego García Mc e terá una duración de 1 hora e 45 minutos para rapaces maiores de 13 anos.

Neste sento, o concelleiro destacou que na cidade existen "moitos adeptos á cultura hip hop e esta será unha forma de que a temática da memoria histórica estea presente nas aulas a través da música", sinalou Moreda.

A programación de actividades tamén inclúe tres conferencias: "Mulleres pioneiras, heterodoxas e rebeldes", na que María Xesús López Escudeiro fai un percorrido pola historia da cidade en feminino; "A represión franquista contra as mulleres", na que Montse Fajardo fala da represión sufrida polas mulleres tras o golpe de Estado de 1936, e "As familias do 12 de novembro", tamén a cargo de Montse Fajardo, que aborda o estudo da represión franquista na cidade a través da historia dos dez republicanos asasinados na Caeira o 12 de novembro por liderar a defensa da cidade contra o golpe de Estado.

No tocante ás actividades que se realizarán fóra das aulas, o Concello oferta dous roteiros para coñecer a historia en feminino. Así mesmo, segundo comentou Xaquín Moreda, na programación inclúnse a proxección dos documentais "Matriarcas" e "A memoria neta", ambos coa represión franquista como tema central. A oferta de actividades complétase con teatro nas aulas.

O concelleiro de Memoria Histórica destacou que existe "unha evidente deficencia con respecto a falar do que aconteceu no 36 e nos anos de ditadura. É precisamente por isto polo que poñemos en marcha este tipo de actividades". Por outra banda, o edil nacionalista explicou que "para vivir o futuro, o mellor é contar as situacións de represión que se viviron", concluíu.

As actividades darán comezo xa a partir da vindeira semana en catro institutos da cidade.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


FaroEduca