O Club de Opinión Portocelo vén de solicitar ao Concello de Marín que teña en conta as diferentes efemérides relativas á vida e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dúas delas no mes de xaneiro, á hora de organizar a programación cultural da Biblioteca Pública Municipal.

O presidente do colectivo, Ángel García Carragal, enviou un escrito en nome do clube ao Concello no que lembra que Castelao naceu un 29 de xaneiro (de 1886) e faleceu un día 7 do mesmo mes (en 1950) no exilio.

"Galeguista, narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político, foi a figura máis importante da cultura do século XX", asegura García Carragal. "Foi homenaxeado co segundo Día das Letras Galegas, en 1964, e a Xunta declarou a súa obra como Ben de Interese Cultural Inmaterial, mentres que a Real Academia Galega de Belas Artes lle adicou o Día das Artes Galegas 2016 polos extraordinarios méritos artísticos da súa obra", resume.

Por todo iso, o clube Portocelo pide a exposición na biblioteca de fondos relacionados coa vida e obra de Castelao para animar á súa lectura por parte dos usuarios, "especialmente entre as novas xeracións" . Además, solicita que se dedique o mes de xaneiro como "Mes da lectura da vida e obra de Castelao".