Comenza o esperado festival internacional con 15 anos de historia e con centos de conexión tecidas por todo o Atlántico. Un evento que considerase singular para unha cidade de referencia como Pontevedra, que acollerá desde hoxe ata o domingo 15 co acto de clausura.

As protagonistas dos espectáculos que terán lugar no Pazo da Cultura serán a caboverdiana Mayra Andrade, que actuará mañán, e Enredadas, o proxecto conxunto de Uxía, Martirio, Carmen París e Ugia Pedreira, que pechará o festival o domingo nun espectáculo ao que se van sumar outras voces da lusofonía.

Neste Cantos na Maré destaca un cartel con forte presenza femenina, mostrase como un punto de encontro e plataforma de lanzamento de artistas, alén de laboratorio de novas propostas creativas como as que se levarán a cabo na Praza da Pedreira. Pero nesta edición o festival pioneiro abrese a novos espazos como o Museo, no que se celebrarán diversas actividades culturais ou na Librería Paz coa presentación de obras literarias.

Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia coa lusofonía, Cantos na Maré dá un paso máis e toma unha nova reorientación. O Festival quere atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos. Coa música como gran nexo, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza. Non só haberá novos contidos senón tamén novos espazos para desenvolver actuacións e accións espallados por toda a cidade de Pontevedra, que se sumarán ao habitual espazo central do Pazo da Cultura, pois pretende ser un festival que promova a descuberta e revalorización do patrimonio da cidade.