Cumpriuse o dito e un sol de xustiza recibiu onte en Pontevedra aos integrantes da Irmandade Xurídica Galega, convocados para festexar que na nosa lingua faise literatura, política, arte, empresa, ciencia e tamén se imparte xustiza. Neste 2019 o encontro principiou coa descuberta nun lateral da Audiencia Provincial dunha placa conmemorativa da primeira sentenza en galego.

Ditouse fai 30 anos na Audiencia de Pontevedra e fixerona posible os catro xuristas que aparecen na placa: os xuíces da Audiencia capitalina Juan Manuel Alfaya e Xosé Xoán Barreiro, o maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela e o fiscal xubilado Benito Montero. Recibiron os parabéns dos asistentes á descuberta, na exerceu de anfitrión o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo.

Acompañaron aos protagonistas a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o director xeral de Política Lingüística, Valentín García, o concelleiro de Normalización Lingüistica, Alberto Oubiña, o deputado Carlos López Font e profesionais do Dereito que se teñen significado pola súa defensa do galego, caso do abogado e concelleiro pontevedrés Vicente García Legísima.

En nome dos demais homenaxeados, Benito Montero fixo extensivo o recoñecemento ao pobo galego "que creou unha obra de arte extraordinaria, un idioma" . Lembrou que tras da súa idade de ouro a nosa lingua viviu séculos escuros e a represión no franquismo, pero "os galegos nunca deixaron de falalo".

O abogado do Salnés Avelino Ochoa Gondar referiuse ao "compromiso persoal, valente e consciente" dos homenaxeados que, malia todo, son unha minoría. Así, lembrou que na memoria do TSXG en 193 páxinas aparece só unha reseña en galego ou que menos do 2% dos asuntos xudiciais se tramitan nosa lingua.

Se ao mundo da xustiza pediulle que deixe de ser refractario ao galego, ao sector público reclamoulle a decidida defensa do idioma nun momento crítico coma é a eclosión dixital. Trátase dunha aposta que é "unha cuestión de vontade social", afirmou a presidenta da Deputación, antes de engadir que "non podemos perder o máis importante que temos" como cultura.

Finalizado o acto, o programa trasladouse ao Pazo Provincial, onde se celebrou a asamblea na que a Irmandade Xurídica recibiu a 15 novos membros. Antes do xantar de confraternidade, tamén homenaxeou a título póstumo a Xosé Fariña Jamardo, que foi secretario da Deputación, falecido en 2008, outro dos bos e xenerosos que nos legaron o noso futuro en galego.