Continua o "Sanxenxo Fala", programa que ten como obxectivo a promoción da cultura, tradición e promoción do uso do galego. Así pois durante esta fin de semana Iniciase o ciclo de Cantos de Taberna e tamén terá lugar o II Concurso de Música Tradicional Soalleira.

Onte comezaron os "Cantos de Taberna" a cargo do grupo Retesías que a partir das 22 horas levou a diferentes locais da vila de Portonovo ás cancións tradicionais, facendo partícipes e involucrando ao público presente. Este ciclo desenvolverase todos os venres do mes de maio.

Tratase de recuperar unha tradición dos anos 50, 60 e 70 nos que as tabernas eran lugar de encontro de amigos que, ademais de xuntarse para tomar un viño e falar, tamén compartían o gusto pola música e o canto, xa fosen a capela ou acompañados de instrumentos musicais.

Mañán, domingo, no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán terá lugar o II Concurso de Música Tradicional Soalleira, que nace no ano 2018 por iniciativa da Asociación Cultural Soalleira e coa colaboración do Concello, dentro do programa Sanxenxo Fala.

Dito evento ten como obxectivo achegar os veciños e ao público en xeral a riqueza das nosas cancións tradicionais acompañadas de percusión, pois aínda que é un concurso de música tradicional dirixido a todo tipo de asociación: folclóricas, culturais, xuvenís, de veciños, ANPAS? sen ánimo de lucro a modalidade na que se pode participar é pandeireta e percusión tradicional.

Dende a Asociación Cultural Soalleira e a Concellería de Cultura volcanse neste proxecto, xa que mediante este tipo de festexos defenden a cultura, promociona o folclore, homenaxean aos nosos antergos e ofrece valores aos nosos pequenos.

Establécense catro categorías de participación: ata 9 anos, de 10 a 13 anos), de 14 a 17, e de 18 en diante) e prémiase a autenticidade. dificultade, afinación e interpretación das pezas que se levan a escena cun total de 3.500 euros que se reparten en tres premios por categoría.