A Real Academia Galega celebrará o 17 de maio o Día das Letras Galegas que lle dedica a Antonio Fraguas (Cotobade, 1905 - Santiago de Compostela, 1999) na súa terra natal, Cotobade, na carballeira de Famelga, na parroquia de Augasantas. O pleno extraordinario terá lugar ao pé dun espazo fundamental na traxectoria do homenaxeado, a escola onde por primeira vez un profesor soubo ver o potencial daquel rapaz que acabaría sendo un destacado etnógrafo e un profesor moi querido por moitas xeracións de alumnos e alumnas. Na sesión ofrecerán distintas perspectivas sobre a vida e o legado do intelectual o académico correspondente Clodio González Pérez, a académica de número Fina Casalderrey e o académico de número Francisco Díaz-Fierros Viqueira. O acto, aberto ao público, dará comezo ás 11.30 horas.

Antonio Fraguas naceu en Cotobade no ano 1905 e, tras aprender as primeiras letras coa nai, empezou a ir á escola pública en Loureiro, a súa parroquia, cando estaba a piques de facer os seis anos. El mesmo contaba que alí non chegou a aprender nada, pero o destino da familia na emigración brasileira mudou cando, a finais de 1918, meses antes da data fixada para marchar, pasou a estudar na escola que acababa de abrir en Famelga un mestre chamado, coma el, Antonio. Os pais pensaran nun futuro para o rapaz como maquinista de tren, pero o ensinante convenceunos de que pagaba a pena facer o esforzo de darlle unha carreira. O lugar elixido para o pleno do Día das Letras Galegas está, xa que logo, cargado de simbolismo nunha vida dedicada á investigación da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos.

Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, etnógrafo, historiador, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común, Antonio Fraguas Fraguas conta cunha biografía que ofrece un percorrido por boa parte da historia galega do século XX no que contribuíu ademais a proxectar o galego como vehículo de expresión válido para calquera coñecemento.

Mural

Ademáis, hoxe, a partir das 12 horas, o IES de Cotobade, situado en Tenorio, celebrará un acto de homenaxe a Antonio Fraguas, no que están convidadas numerosas autoridades, institucións e organismos da cultura e da educación de Galicia, ademais dos centros educativos e corporacións locais de Cotobade e concellos lindeiros. Consistirá na inauguración den mural xigante de 5 x 7 metros na fachada do centro, coas imaxe de Fraguas formada por topónimos de Cotobade. Tamén se procederá a constitución simbólica da Sociedade da Lingua.