O Museo de Pontevedra amplía as visitas guiadas de cara ás vacacións de Semana Santa e abrirá ao público as Ruínas de Santo Domingo a partires de hoxe e ata o 31 de outubro. "Atendendo a que esta festividade implica habitualmente máis días de lecer e visitas de persoas de fóra da cidade", suliñan os voceiros da institución, establecense novos itinerarios pola colección permanente.

Ao igual que se fixera no ano anterior, as persoas que o desexen poden participar nun itinerario comentado que se deterá nas obras máis representativas expostas nos edificios Sexto e Sarmiento e que, nesta ocasión, inclúe tamén o catro "Retrato dun médico" de El Greco e que está temporalmente cedido polo Museo del Prado. Trátase dun periplo histórico-artístico que permite un achegamento á historia da arte galega partindo da colección de pezas prehistóricas e da antigüidade coa que conta o Museo e facendo todo un percorrido ata os e as grandes artistas dos séculos XX e XXI.

Estas visitas programaranse desde o domingo 14 de ao domingo 21 de abril (o luns o museo permanece pechado) e haberá dúas opcións de horario. Pola mañá ás 12 horas (domingos e festivos só neste horario), e pola tarde ás 18 horas. O punto de encontro establécese no mostrador do Sexto Edificio e non é necesaria inscrición previa.

Nas Ruínas de Santo Domingo os horarios das visitas comentadas serán de martes a venres non festivos, ás 17.30horas; e os domingos e festivos ás 12horas. Tampouco é preciso inscrición previa.

Para a que si será preciso inscrición será para "A ruta do Museo". Este itinerario seguirase celebrando en sábado, ás 11.30 horas, e propón unha aproximación á historia dos seis edificios que compoñen o Museo de Pontevedra e ás principais coleccións que custodia. O punto de encontro son as Ruínas de San Domingos e soe durar uns 90 minutos. Para participar é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es,gabinetedidactico.museo@depo.es ou ben chamando ao teléfono 986 804 100 extensión 42413.

A participación, como vén sendo habitual, é de balde.