O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, expresou hoxe o fondo pesar que hai no municipio pola perda de Luis Gómez Boedo, ex presidente da Comunidade de Montes de San Xurxo de Sacos, que faleceu este martes ao serán aos 54 anos de idade. Este coñecido e querido veciño recibirá o seu funeral mañá, xoves 24, ás 11.30 horas, na súa parroquia natal de San Xurxo e será enterrado a continuación no cemiterio de San Miguel de Carballedo.

A súa morte, que provocou unha fonda consternación no concello ao tratarse dunha persona moi querida pertencente a unha familia moi coñecida, deixa un importante baleiro na parroquia de Sacos. Cómpre lembrar que a directiva que dirixiu na comunidade de montes foi a que

recuperou a Casa do Pobo -posteriormente restaurada coa axuda do Concello- incautada polo réxime franquista.

Luis Gómez Boedo foi unha persoa moi activa na vida veciñal, social e cultural de San Xurxo, formou parte de moitas comisións de festas e emprendeu moitas iniciativas que favoreceron o dinamismo da zona.

Cubela lamentou a perda "dun gran home que traballou moito e ben pola súa parroquia e, en xeral, por todo o municipio" e trasladou ás súas condolencias e as do goberno local á súa familia.