A Asociación Queremos Galego Marín organiza por sexto ano consecutivo un magosto no que repartirá castañas a todas as persoas que se acheguen hoxe á Praza do Reloxo -no caso de chuvia o magosto sería no multiusos da praza de abastos- a partir das cinco da tarde.

Como en anos anteriores, ademais das castañas asadas de balde, tamén haberá música a cargo do grupo "Os de Marín" e para os máis pequenos, e non tanto, xogos populares -a billarda, a ra, a chave, carreiras de sacos, etc.- cos que colabora unha vez máis a asociación Gharaboto.

Durante o magosto, no que colabora a Concellaría de Cultura, tamén se sortearán varios lotes de libros.

No marco da cultura popular, o Magosto ten un lugar fundamental, como as festas anuais en xeral pois constitúen algunhas das manifestacións máis xenuínas da nosa cultura coas que se poden abordar aspectos sociais, económicos, psicolóxicos, musicais, etc., xa que nelas están presentes as crenzas e o sobrenatural, a vida comunitaria, a organización social, os produtos agrarios, as estacións.

Alén de contribuír á vixencia desta tradición, un dos obxectivos da asociación é que as novas xeracións se interesen pola cultura tradicional do pobo, moi vinculada coa lingua, que valoren e respecten o patrimonio natural, cultural, lingüístico, artístisco, histórico e social, concienciándose da súa importancia e da necesaria implicación na súa conservación e mellora.