O concerto de Teresa Salgueiro inaugura hoxe, 20.30 horas, o festival de Cantos na Maré no auditorio do Pazo da Cultura. Ata o domingo pola noite presentaranse 13 espectáculos dunha programación que inclúe a grupos e artistas coma Mercedes Peón, o brasileiro Chico César ou a Cesária Évora Orchestra acompañada das cantantes caboverdeanas Lura, Lucibela e Elida Almeida, seguramente as voces máis importantes do seu país hoxe. Tamén se programarán espectáculos no Teatro Principal, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, nas Ruínas de San Domingos, e na zona vella da cidade.

No concerto inaugural, Teresa Salgueiro interpretará temas propios e tamén recuperará algún dos que cantou durante anos con Madredeus. O Horizonte é un traballo moi íntimo no que a cantante partiu dos seus soños e da súa memoria. E un traballo vivo. A cantante fíxolle arranxos especiais para os seus concertos. Quere trasladar un percorrido. E achegar tamén sons da natureza, da vida.

Mañán, venres ao mediodía, chegará ao Teatro Principal de Pontevedra o concerto do cantante caboverdeano Mário Lucio acompañado do músico portugués Julio Pereira. Lucio, ex ministro de Cultura do seu país, presenta o seu novo disco, que constrúe a partir de ritmos caboverdeanos coma o funaná. E que no seu primero single defende un lema moi acaído para un festival que acolle unha cidade, Pontevedra, que contou para deseñar o seu modelo urbanístico coa participación do pedagogo e pensador sobre a infancia italiano Francesco Tonucci. A frase coa que comeza o single do último álbume de Mario Lucio, e que abandeira o seu videoclip, é "deixádelles xogar aos nenos".

A edición 2018 de Cantos na Maré é de transición entre o formato que tivo nos últimos 13 anos, un espectáculo dun só día con cantantes de países lusófonos, e o que quere ter para as vindeiras edicións. Cantos na Maré será un festival de catro días de duración pensado coma ferramenta para o intercambio con creadores -non só músicos- de países cos que Galicia ten relación.

No musical, Cantos na Maré incorpora desde este ano novos xéneros, estilos e olladas. A presenza da principal rapeira de Portugal -Capicúa- ou o espectáculo programado para a noite deste venres, no que o Dj galego García MC presentará unha colaboración especial co pianista cubano Alejandro Vargas é unha mostra dalgúns dos novos camiños polos que transita o proxecto. O mesmo que a incorporación no programa de concertos de colaboracións coma a que xorde da colaboración dunha banda portugesa e unha angolana: Throes + The Shine. Mesturan músicas electrónicas, rock e música africana.