O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de poñer en marcha a súa campaña de prevención de lumes forestais 2018 coa esixencia de limpeza e desbroce de fincas e das correspondentes franxas de protección antes do vindeiro 31 de maio. Para elo, vén de publicarse un bando informativo, que se distribuirá polas 21 parroquias, e comezaron a remitirse cartas a todos os domicilios.

Nestes documentos explícase que os titulares de parcelas e terreos situados en solo urbano, urbanizable ou núcleo rural deberán telos nun axeitado estado de limpeza e coa masa vexetal desbrozada antes da citada data, que é cando se estima que se active a época de alto risco de incendios.

Ademais, engádese que tamén se deberán limpar os predios situados nunha franxa perimetral de 50 metros destes solos e os espazos situados ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións emprazadas a menos de 400 metros de terreo de monte.

Por último, engádese que no interior dos núcleos e nas citadas franxas de 50 metros tampouco poderá haber determinadas especies arbóreas, como piñeiros, acacias, eucaliptos, toxos ou xestas, e que as plantacións deben efectuarse respectando as distancias establecidas na Lei de Montes.

O Concello vai emprender unha campaña de vixilancia para a comprobación destas medidas a partires do 30 de xuño e, no caso de detectar algún incumprimento procederase a sancionar.