O portavoz popular, Jacobo Moreira, lamentou a actitude amosada polo alcalde Lores en relación ao acto no que participou a súa tenente alcalde, Carme da Silva, o pasado 6 de decembro, xunto a Arnaldo Otegi. "Lonxe de corrixir as palabras da súa compañeira de filas, nas que aseguraba que Galicia é unha colonia de España, o alcalde de Pontevedra ratificou este comentario e mesmo aplaudiu que a súa tenente de alcalde compartise butaca cun terrorista", apuntou Jacobo Moreira.

Para os populares esta defensa de Lores vén a confirmar "a deriva antisistema na que está envorcado dende hai xa moitos meses o alcalde de Pontevedra, que non dubidou en apoiar o referendo ilegal de Cataluña mentres que desprezaba ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no momento que máis apoio precisaban; ou mesmo coa homenaxe a Fidel Castro que tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra e que contou tamén coa participación da súa tenente alcalde".

Así mesmo, Jacobo Moreira considera unha falta de respecto cara os pontevedreses o feito de que "Lores asegure que falar non é un problema" pois "o di o mesmo alcalde que non recibe a aqueles veciños que opinan de xeito contrario ás súas directrices".