Os vehículos de emerxencias sanitarias xa poden acceder en condicións axeitadas a unha vivenda situada ao final dun camiño veciñal situado na parroquia de Caritel. Queda así solucionado outro problema que se viña arrastrando dende hai anos e que o actual equipo de goberno, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, se comprometera a resolver.

O camiño conecta perpendicularmente coa estrada autonómica en pleno centro de Caritel e ten unha lonxitude un chisco superior aos 100 metros. Dá acceso a dúas vivendas, pero unha delas ten tamén entrada pola estrada. Sen embargo, á segunda, na que reside unha persoa con problemas de saúde, que ten requirido atención do servizo de ambulancias en varias ocasións, só dispón desta comunicación.

O propio afectado reclamou esta obra e o Goberno municipal aceptou redactar un proxecto e acometela no marco da contratación dun paquete de obras de melloras en conexións veciñais. Unha vez finalizados todos os trámites administrativos, un procedemento que se retrasou pola obriga de pedir permisos a Augas de Galicia para algunhas das actuacións incluídas, a mellora quedou rematada esta mesma semana. O alcalde, Andrés Díaz, comprobou a calidade da execución.