"Os nosos pais dixéronnos que foi unha poeta moi importante", contan Teo e Pablo, os dous primeiros nenos que se achegaron onte á tarde á Biblioteca Municipal para disfrutar do mundo de Rosalía de Castro. Son aínda pequenos (non superan os dez anos), pero sexa porque xa lle falaron dela no colexio ou ben porque os seus proxenitores lles explicaron a súa importancia, chegan coa lección ben aprendida.

Hoxe é o día no que Rosalía de Castro cumpliría 180 anos, pero Poio xa se quixo adiantar á celebración e, para non facer coincidir a súa particular homenaxe á escritora co Entroido, programou un guión de actividades nos que os máis pequenos foron os protagonistas. Pola tarde, a biblioteca de Campelo foi o lugar elixido para reunirse. Alí, Pablo, Teo e os demais rapaces descubriron activamente á máxima expoñente das letras galegas. No espazo municipal, todo fixo referencia a Rosalía. Desde o fío musical, no que sonaban as letras dos seus poemas entonadas por grandes voces galegas coma Lucía Pérez, ata un photocall rosaliano no que os presentes podían inmortalizarse coa escritora de Padrón.

Tamén houbo cabida para os obradoiros tanto para nenos como para pais. Neles, destacaron as carautas rosalianas para aproveitar de cara á chegada do Entroido. Tamén se preparou un collage de follas coma homenaxe á súa obra máis senlleira: Follas Novas.Os pequenos puideron facer sopas de letras e divertíronse atopando os poemas agochados, mentres que os maiores disfrutaron dun conto que a editorial UNCO lle adica a Rosalía de Castro, con textos de María Lado e ilustracións de Eva Agra.

Mural

Pola mañán, os protagonistas foron os rapaces das Escolas Infantís do Vao e Portosanto, que se achegaron ata o tanque dos patos do parque de Costa Xiráldez para deixar a súa pegada nun mural.Os sprays foron os utensilios utilizados para resaltar o perfil da escritora.

Mentres, hoxe rematan os actos organizados en Poio coas iniciativas feitas polos nenos da Ludoteca de Inverno, que amosarán o seu propio mural e realizarán un recital poético que lles servirá para lembrar sempre a importancia de Rosalía.