Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Case 40 concellos farán trámites xudiciais e notariais en galego

Xunta, Irmandade Galega e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística únense na Declaración de Celanova

Acto celebrado onte en Celanova. // Brais Lorenzo

A Xunta de Galicia, a Irmandade Xurídica Galega e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística promoveron onte a Declaración de Celanova, á que se adscribiron 38 concellos ourensáns comprometéndose coa lingua galega diante dos órganos xurisdicionais, rexistros e notariais nun acto que acolleron o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución da vila ourensá e o claustro do Mosteiro de San Salvador.O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na conmemoración do 25º aniversario do uso da lingua galega no primeiro procedemento xudicial do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución da vila ourensá, e que trataba dunha separación de común acordo, en marzo de 1995.

No acto celebrado este xoves nos xulgados de Celanova, García recordou que "o ámbito da Xustiza é fundamental para acadar a plena normalización da lingua galega e que os xulgados que promovan o emprego idioma propio de Galicia serán sempre os máis próximos á cidadanía".

Tamén estiveron o secretario xeral Xaquín Monteagudo e Xosé González, presidente e secretario da Irmandade Xurídica Galega, respectivamente, os avogados Alfonso Grande e Ana Mosquera, así como Carme Vaquero, en representación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, ademais de avogados e funcionarios do partido xudicial de Celanova. Descubriuse unha placa conmemorativa e 38 alcaldes da provincia de Ourense asinaron a Declaración de Celanova, a prol do uso do galego na xustiza. Comprométense a que "se utilice a lingua galega nos escritos que formen parte dos procedementos procesuais perante todos os órganos xurisdicionais da Administración de Xustiza". A declaración tamén recolle que os avogados que representen aos concellos "utilizarán a lingua galega nas vistas orais celebradas nos xulgados nos que se substancien os procedementos procesuais, os cales farán constar nos escritos de recursos que o xulgado dite resolución e sentenzas en lingua galega".

Nesta mesma liña, os concellos involucrados demandarán das notarías o uso da lingua galega nos protocolos notariais promovidos pola Administración Local.

O acto pechouse cunha actuación de María do Ceo.

Compartir el artículo

stats