A socióloga e docente do campus de Ourense da Universidade de Vigo, Silvia Pérez, pechou onte as 'Xornadas de explotación sexual' coa súa charla sobre o home e a prostitución. Silvia foi premiada co recoñecemento á mellor tese doutoral sobre violencia contra a muller, 'Victimización en la trata sexual: imaginarios e invisibilización', outorgado polo Ministerio da Presidencia.Ademais, conta con publicacións literarias sobre a prostitución, como 'El Putero Español'.

Coa súa conferencia de onte, Silvia puxo de manifesto os seus coñecementos sobre este problema social que sofren moitas mulleres e, tamén, a súa experiencia como investigadora e consultora científica en diversas universidades, empresas sociais e administracións públicas.

-Que aportan estas xornadas sobre a explotación sexual na sociedade ourensá?

-Informar de xeito veraz é crucial para desenvolver un criterio sobre calquera tema. Tratándose dun fenómeno tan cheo de prexuízos e oscurantismo como é a prostitución, pois máis aínda. É de agradecer que as institucións se interesen por dar a coñecer esta realidade e concienciar á cidadanía sobre elo.

-Que significou para vostede que premiaran a túa tese 'Victimización en la trata sexual: imaginarios e invisibilización', o ano pasado?

-A tese é de libre acceso en formato íntegro dende que se depositou no 2017, e o feito de que a premiaran dende o ministerio, que non son alleos a este tema, foi unha gratísima sorpresa. Estou moi agradecida porque son moi crítica con todos os estamentos institucionais e espero que poida contribuir, na medida en que pode facelo un traballo desta índole, a mudar a mentalidade neste tema.

-Cal é a situación actual da explotación sexual en Galicia?

-A industria sexual estase rearmando, escondéndose en lugares máis privados como os pisos ou nas redes sociais para evitar as inspeccións policiais. O estado ten que tomar en serio esta problemática e darlle o estatus que merece, unha manifestación, quizáis a máis cruenta, da violencia de xénero.

-Que deben facer os homes na sociedade actual para contribuir a erradicar a trata?

-Non pagar por sexo, simplemente.

-E que deben facer as mulleres na actualidade?

-Solidaridade e sororidade coas mulleres en situación de prostitución. Cando asumamos que isto nos toca a todas e a todos, como a violencia de xénero, estaremos no bo camiño.

-Cal é o futuro da explotación sexual no país?

-Espero que a súa progresiva eliminación, pero para iso ten que existir vontade por parte das institucións de facer cumplir a lei, cousa que ata agora non se fixo coa dilixencia debida.

-Que medidas habería que adoptar para erradicala?

-O consello de Europa xa o advertiu ós estados membros fai anos: hai que desalentar a demanda (sensibilización e concienciación) e elaborar políticas públicas que apoien ás mulleres en situación de prostitución para desenvolver un proxecto de vida autónomo e en igualdade de oportunidades, aquí ou no país onde decidan vivir, e que non necesariamente é o da súa orixe.