Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Disparate cómico

A obra prefire frear o potencial do texto en aras de manter un humor xa testado

Un momento da representación de "As virxes salvaxes", o sábado no Auditorio de Cangas. // G.Núñez

Despois da pandemia, o asunto do coidado dos anciáns e da deshumanización das residencias para a terceira idade resoa cuns tons máis bens sombríos, demasiado serios para deixalos nas mans do astracán. Nese xénero esquecido, o único obxectivo reside en colleitar a risa do público, en alcanzar a gargallada mesmo a costa de calquera outra virtude escénica. É unha opción, un reencontro cun teatro cómico perdido cheo de sobreactuacións, de renuncia á verosimilitude, de personaxes creados a retallos.

En As virxes salvaxes a defensa dun xénero destas características está a cargo dun elenco de solvencia recoñecida, máis toda a experiencia acumulada sobre a escena atópase coas resistencias que o propio texto lle apón. Por unha banda, hai unha carpintería ben articulada que consegue que -sen que saibamos moi ben como- a comedia saia adiante sen grandes escollos: recursos coñecidos recolocados en situacións pintorescas, choques de caracteres imposibles, ironías máis ou menos acedas nuns diálogos ateigados de equívocos e xogos de palabras que albergan o debuxo das personaxes. Todo como dita a preceptiva.

Pola outra banda, o motor da acción fíase á reflexión sobre como a sociedade contemporánea trata aos maiores, mais o propósito esvaece axiña ante a enxurrada de humor de uso fácil, da caligrafía de trazo groso. A utilización dese teatro cómico podería servir de vehículo para afondar nunha situación máis problemática ca nunca, pero Eduardo Alonso prefire frear o potencial do texto en aras de manter un humor xa testado, como non querendo perder de man o beneplácito da audiencia. Podería descubrirse un fondo amargo, unha certa decepción sobre o camiño escollido pola sociedade. E tampouco: a comedia vira cara a un camiño no que o conxunto desvaloriza a cotización dos elementos.

En todas as cartas que xoga, As virxes salvaxes prefire acomodarse no conservador, dando por feito que o público acepta esa vía para adherirse á intención. Mais deixa así a función nunha contradición que non se resolve a favor da mensaxe. Queda a impresión de que o público da Mostra, sen deixar de rir onde tocaba, quedaba un pouco desconcertado sobre o verdadeiro obxectivo da montaxe.

Compartir el artículo

stats