O musical “Miserábeis” do IES Illa de Ons vén de sumar un novo recoñecemento. Este proxecto interdisciplinar do centro educativo bueués acaba de recibir o Premio Educación en Valores, que entrega a Deputación de Pontevedra dentro dos III Premios Provinciais á Xuventude. O xurado destacou a aposta por un proxecto de “teatro musical como procedemento para educar en igualdade e nas competencias clave de carácter intelectual e socio-emocional”. A entrega tivo lugar nun acto no Pazo Provincial, no que estaban representantes da comunidade educativa do instituto e que recibiron o premio de mans da presidenta da Deputación, Carmela Silva.

O espectáculo é unha adaptación teatral e musical propia, no que participan máis de medio cento de intérpretes entre alumando, docentes e persoal non docente. Trátase dunha revisión contemporánea e feminista, íntegramente en galego, a partir da coñecida novela de Víctor Hugo. Este recoñecemento por parte da Deputación de Pontevedra súmase ao Premio de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística que lle concedeu previamente a Xunta de Galicia.

Na súa intervención Carmela Silva gabou todos os proxectos premiados, dos que aseguron que están “cheos de valores, de principios, que mostran esperanza e ilusión. Fronte ao momento actual, cunha sociedade que empeza a ter tintes totalitarios, con xente cavernícola, doutra época, xenófoba, machista, que non entende que o que queremos é construír un mundo mellor, eu son optimista, estou segura que imos cambiar o mundo”.