Impulsar a compostaxe de proximidade como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable e concienciar á cidadanía de que a compostaxe significa dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volten á terra como un fertilizante natural. Este é un dos obxectivos da carpa do Plan Revitaliza, coa que a Deputación de Pontevedra está a percorrer a provincia e que esta semana estará no Morrazo, nunha iniciativa para sementar a importancia da compostaxe. A primeira parada foi onte en Bueu, á que seguirá hoxe Moaña, aproveitando a xornada de mercadiño, e mañá en Cangas, no entorno do reloxo da Alameda Vella. En todos os casos será entre as 10.00 e 13.00 horas.

Os mestres composteiros asesoran aos veciños sobre o uso dos composteiros individuais e comunitarios e reparten material divulgativo sobre os beneficios deste sistema de reciclaxe. Esta carpa ten tamén un obxectivo fundamental, que é o de informar a cidadanía dos obxectivos que fixa a normativa europea, estatal e autonómica. A partir de 2020 a Unión Europea (UE) esixe reciclar o 50% de todo o lixo producido e a partir do 31 de decembro de 2023 será obrigatorio compostar ou recoller separadamente os biorresiduos.

As persoas que se acheguen á carpa do Plan Revitaliza poderán poñer a proba os seus coñecementos, participar en xogos de preguntas e respostas e incluso recibir unha planta para poder fertilizala con compost. Trátase da mellor forma de comprobar a súa eficacia como abono completamente natural. Hai herba luisa, manzanillera, romeu, rosmarinus ou semprevivas.

Esta iniciativa informativa leva en marcha tres semanas e son moitos os veciños que se achegan para interesarse sobre as condicións para participar na compostaxe en centros comunitarios ou ben para anotarse nos listados para recibir un composteiro individual. Ata o momento os mestres composteiros teñen detectado unha gran receptividade por parte dos cidadáns que se achegan á carpa do Plan Revitaliza.