"Góstame facer este tipo de casting abertos porque posibilita descubrir algún actor ou actriz con moito talento", sinalaba onte, ao rematar as probas, o director vigués Ignacio Vilar, con traballos previos da sona de "A Esmorga" ou "Sixicia". "Sabela Arán saíu dunha proba coma estas", engade, en alusión á protagonista de Vilamor, "e aquí tamén descubrín algunhas candidatas moi aptas". Fai fincapé en dúas nenas ás que xa lles ten buscado papeis, e dan practicamente por completado un plantel no que figuran actores e actrices profesionais e afeccionados para facer de figurantes, adultos e nenos, e no que xa estaba anunciada entre as protagonistas a actriz canguesa Andrea Santos, veciña de Coiro como o foi tamén María Soliño.

"A xente volcouse nestas convocatorias de selección en Vigo [na Escola Superior de Arte Dramática, ESAD], Redondela e, agora, en Cangas", aseguran o propio Vilar e membros do seu equipo, a produtora Vía Láctea. "O Morrazo é terra de teatro e viñeron bastantes persoas vencelladas a ese xénero, sobre todo de Cangas e Moaña, pero tamén desde máis lonxe". Unha das candidatas percorreu máis de mil kilómetros para estar onte en Cangas. "Si, veu de Palma de Mallorca para participar no casting e aproveita para pasar uns días aquí", relata Esther Carrodeguas, que está á fronte do proceso de selección xunto con Ignacio Vilar e Ermel Morales, entre outros colaboradores. O alcalde, Xosé Manuel Pazos, tamén aproveitou a ocasión para achegarse ao Auditorio ao final da xornada de selección e saudalos.

"María Solinha" será unha película que se mova entre o século XVII e o XXI e que recurre á figura do dragón como metáfora das inquedanzas e ameazas que sofren as mulleres. "O dragón segue existindo, ainda que vai cambiando de aspecto", sinalaron os seus promotores nunha anterior visita á vila. En agosto regresarán para quedarse varias semanas a rodar en espazos tan emblemáticos como o Casco Vello, a Costa de Soavela ou o pazo da Torre, en Aldán. "Máis da metade da película rodarase en Cangas", reitera Ignacio Vilar.