Varios séculos despois de que Johán de Cangas lle cantase ao lugar de San Mamede do Mar, hoxe coñecido como Sanamedio, este fermoso enclave de Bon segue a ser un referente da cultura galega. Coa de onte xa van vinte edicións da Romaría das Letras Galegas, unha festa que comezou coa asociación veciñal O Progreso e que hoxe continúa coa Asociación Cultural Sanamedio, Grupo de Danzas Pais de San Roque e Os Liboreiros. O pregoeiro deste ano foi un veciño da parroquia, aínda que agora viva na veciña Cela: o músico e mestre Guillerme Ignacio. "Hai que estar orgullosos da importante historia que temos, da enorme importancia que ten a literatura medieval galega, e de que por exemplo as cantigas que Johán de Cangas adicou a este lugar son estudadas en todo o mundo polos eruditos en literatura medieval europea", dixo na súa intervención.

O pregoeiro recordou tamén no seu discurso a Rosalía de Castro e ao homenaxeado deste ano, Antonio Fraguas. "Seica esa teima miña pola tradición tivo algo que ver en que me encomendaran esta labor, dado que o homenaxeado nas letras galegas deste ano era un gran amante do traballo etnográfico, sempre tomando notas no seu caderno e preguntando a quen sabía sobre as cousas da aldea", lembrou. Tamén reivindicou que "hoxe e sempre, se somos galegos é por obra e gracia do idioma, e que se perdemos a lingua, non seremos ninguén". E antes de despedirse non dubidou en mostrar as súas dotes de cantadeiro cunha cantiga aprenida precisamente neste mesmo lugar: "Aldea de Sanamedio, /aldea que todo ten/ ten Dioses, Creghos e Santos/ e Nicolases tamén".

Ao longo de toda a xornada houbo postos de artesanía, cantina con prezos populares e actuacións de Meiramar-Axóuxeres, Pais de San Roque, Os Liboreiros, Polo Correo do Vento, Retrouso, Xuntanza de Randufe, As Falcatrueiras e Os Mulos.

Os actos das Letras Galegas en Bueu proseguen hoxe cun recital ás 12.00 h na Axencia de Lectura de Meiro no que intervirán Míriam Ferradáns, Ismael Ramos, Neves González e Luís Chapela.

As celebracións ao redor das Letras Galegas tiveron eco por toda a comarca. A Asociación Cultural Con de Nerga, coa asociacion veciñal Malladoiro, organizou onte unha festa no entorno da Casa da Garita na que houbo música, unha exposición de Mercedes Piñeiros e un xantar, entre outras actividades.

En Moaña os actos polas Letras tiveron, na noite do xoves, un vistoso e concurrido festival organizado pola Asociación de Mulleres. Houbo exhibición de zumba, actuou o grupo de pandereteiras "Na Abada", con Xavier Blanco, e o grupo "Ardora" do colectivo organizador. O Coro Chorima e pezas teatrais pecharon o evento. Onte, ao mediodía, os grupos folclóricos Breogán, Charaviscas e Solaina protagonizaron un festival no palco da alameda. Hoxe a actividade se despraza a Domaio. Ás 19.00 horas no centro Rosalía de Castro se celebra un festival cos grupos folclóricos e de teatro de Charaviscas. Actúan tamén Xavier Blanco e Salva Meira.

20

Día das Letras Galegas | Miles de persoas saen á rúa en toda Galicia para gritar 'Máis que nunca, Queremos Galego!'

Miles de persoas saen á rúa en toda Galicia para gritar 'Máis que nunca, Queremos Galego!'