A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) chega este ano a súa trixésimo sexta edición. A programación vaise dar a coñecer á volta da Semana Santa, pero como aperitivo a organización presentou onte o cartel oficial que nesta ocasión está deseñado por deseñador bueués e autor do Bichero de FARO, Luís Davila. "Os camiños deste xenial creador e a MITCFC estaban obrigados a atoparse. Non só pola proximidade xeográfica senón polos valores que defendemos", suliñan desde a comisión organizadora da Mostra.

A presentación tivo lugar onte no Auditorio de Cangas, onde se represetarán boa parte dos espectáculos da MITCFC. Co encargo a Luís Davila continúase coa liña implementada nos últimos anos de solicitar a colaboración "a persoas de recoñecido prestixio no ámbito das artes plásticas ou da pintura". O cartel é especialmente importante para os organizadores porque lle confire a cada edición un carácter particular e singular, ao tempo que proxecta a imaxe da MITCFC e comprime "a información que queremos transmitir e anunciar, invitando ao público a porta desta gran festa do teatro e o humor".

Desde MITCFC destacan que "a crítica social e o humor autóctono e universal de Luís Davila conectan de cheo tanto co espírito desta Mostra como de toda a cidadanía do Morrazo", polo que resulta "un auténtico luxo poder contar co seu traballo".

A Mostra de 2019 terá lugar entre o 28 de xuño e o 6 de xullo e a programación incluirá estreas en Galicia e absolutas. Na presentación estiveron a presidenta da Asociación Cultural Xiria, María Xosé "Ché" Mariño; a directora artística da Mostra, María Armesto; o coordinador xeral, Salvador del Río; o director do Auditorio, Juan José Pérez; e o propio Davila. O programa voltará a contar con actividades xa consolidadas como o Revoltallo en Pedra, o Torneo de Dramaturxia, coloquios, cursos de formación... Amais chégase á edicion numero dezanove das Xornadas Mulleres en Acción, unha aposta decidida pola paridade e denuncia das discrimiminacións laborais e de xénero que sofren as mulleres.