O libro de Iria Misa "Mamá, quero ser Ziggy Stardust" convertiuse nunha especie de "best seller" no colexio de Montemogos, en Beluso. O alumnado de 6º de Primaria traballou ao redor desta historia no clube de lectura da biblioteca, unha historia que deseguida os cautivou a todos. Onte tiveron a gran oportunidade de sentarse a conversar con Iria Misa sobre o seu libro e ben se notaba o moito que lles gustara. A autora, presente en Beluso grazas ao FARO da Escola, mostrábase encantada ante as numerosas mans alzadas e preguntas que lle formulaban os nenos e nenas, a quen lles chamou especialmente a atención a figura de Thomas, o amigo imaxinario de Aine, protagonista de "Mamá, quero ser Ziggy Stardust".

Este volume, que obtivo o Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro infantil, aborda un tema de gran actualidade: a transexualidade. Aine é unha nena que quere ser un neno e durante unhas vacacións cos seus pais visita unha exposición na que queda prendido -a autora insistiulles en referirse a Aine sempre como un neno xa que se sinte así- pola figura dunha estrela de rock e unha das súas grandes creacións: David Bowie e Ziggy Stardust. A figura de Ziggy sírvelle de gran inspiración para chegar a ser o que realmente quere ser.

Este libro deu moito xogo nas sesións do clube de lectura, que son á ultima hora dos xoves na biblioteca do colexio. Ao alumnado cautivoulle especialmente o tratamento das emocións en "Mamá, quero ser Ziggy Stardust". Unha historia que de repente os tiña tensión, que os podía facer chorar e ao pouco tempo voltar a rir. Tamén foi unha gran oportunidade para que os nenos e nenas, que teñen entre 11 e 12 anos, se achegasen a un dos músicos máis importantes e influíntes da música popular: David Bowie. Puideron escoitar as súas cancións e ver algúns dos seus videoclips, nos que ás veces era difícil saber se era un home ou unha muller. "Tes a túa nai confundida/ porque non sabe se eres un mozo ou unha moza" cantaba en "Rebel rebel".

A charla coloquio serviulles para resolver dúbidas sobre a historia, para preguntarlle se había algo dela mesma no libro ou se a súa propia experiencia vital estaba reflectida na historia. Amais do tratamento das emocións houbo outro aspecto que lles chamou poderosamente a atención: Thomas, o amigo imaxinario de Aine. Esa figura dun amigo inventado, que non existe pero que se sinte real, suscitou moito debate no clube de lectura. Iria Misa faloulles de que ás veces eses amigos imaxinarios son un importante reforzo e "axudan" a tomar decisións das que un non está moi seguro. Como por exemplo cortarse ao pelo ao estilo de Ziggy Stardust. A bo seguro que a actividade de onte vai dar lugar a unha interesante publicación no blog da biblioteca do colexio: bibliomontemogos.blogspot.com.