-Repetiría a experiencia de cogoberno co PSOE?

-A relación co PSOE a nivel municipal foi moi boa. É certo que somos dúas forzas políticas diferentes, pero fomos quen de primar os intereses da veciñanza de Moaña e cumprir o noso programa pactado de goberno, no que se recollían as coincidencias dos dous grupos. Hai cuestións ideolóxicas nas que non nos semellamos, pero é unha parte moi pequena na que diferimos cando se fala de vida municipal. Valoro positivamente o traballo dos membros do PSOE no equipo de goberno. Estaría encantada de manter unhas relacións como as de agora.

-Ve posible algunha maioría absoluta, ou pensa que eses tempos xa pasaron?

-O BNG é unha forza con moito apoio social en Moaña. Somos segunda forza e o noso obxectivo é converternos na primeira forza da corporación. O que queremos é que Moaña poida seguir na senda de transformación dos últimos catro anos, incrementando a calidade de vida.

-Vai ser moi continuísta a vosa candidatura?

-Aínda non está composta. A nosa idea é dar continuidade ao grupo municipal pero sumando algunha xente que aporte valor.

-As eleccións locais coinciden coas europeas, nas que o BNG vai aliado con EH Bildu e con ERC. Isto lles vai pesar a nivel local?

-Ao contrario. Igual noutro contexto político si nos pesaría. Pero agora mesmo o BNG é unha forza á alza e que en Europa ven de conseguir moitísimos acordos cun tempo de escano moi reducido. Ana Miranda só leva un ano no escano e acadou máis na defensa dos intereses de Galicia nese tempo que o resto de eurodiputados galegos en todo o mandato.

-As divisións de En Marea lle dan un novo pulo ao BNG?

-Xa superamos os momentos máis duros. A xente se está a dar de conta de quen sacou o traballo adiante e segue defendendo este país sen venderse a ningunha forza de carácter estatal. Canto botamos de menos ao BNG na negociación dos Presupuestos Generales del Estado! En Marea non os puido condicionar pese apoiar a investidura de Pedro Sánchez.