Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Moitos en O Hío marchan a Cuba

Venden o deixan en fianza terras coa condición de recobralas algún día

Primeiras emigracións á Arxentina. // Arquivo do autor

Félix Soage foi daqueles emigrantes pioneiros que chegaron á Arxentina cando se estaba a eestender desde o Plata e que pola sua orixe agraria miraría como mellor opción a adquisición de grandes extensións de terra que o goberno lles facilitaba aos colonos. A cría de gando vacún, cabalar e ovino era estimulada desde o exército para proverse de cereais, carne, leite, la e coiro que este precisaba na sua expansión territorial, reportándolle grandes beneficios aos propietarios que pronto construíron grandes mansións e investiron noutros negocios na capital.

Financia unha escola

Contodo, non nos cabe dúbida que na sua mente estaba tamén a sua actuación no campo do ensino e a beneficencia que si exerceu na Arxentina ao igual que o seu irmán, Benigno García Soage, residente en Cangas, que xa tiña actuado de mediador nestes campos, financiando unha escola entre 1904 e 1927. Asemade, poderiamos xustificar tamén esta intención pedagóxica no prócer, pois sete anos despois, entre maio e xuño do 1931, cando visita Cangas Saturnino García Soage, médico e capitalista en Bos Aires, este mostraría o seu interese por problemas del pueblo, abordando algunos que es necesario resolver como la enseñanza y sanidad. Os representantes do Concello foron convidados a champán por don Saturnino e estes regaláronlle unha reprodución en miniatura da estatua do filántropo e tomáronlle a palabra ao potentado do que non se volveu a saber máis nin dos seus ofrecementos.

Rematado o periodo de crise e grazas aos primeiros cartos procedentes de América, os mariñeiros da zona poderían ir refacendo a súa economía e mercaren novos barcos e aparellos. Porén, non todos os fomentadores cataláns habían retornar á zona coa mesma forza de antes, optando por establecérense xa máis perto de Cangas ou Bueu onde as flotas pesqueiras eran máis numerosas. A pesar disto, as xentes de mar do Hío poderían seguir mantendo a súa economía familiar coas vendas do peixe ás novas conserveiras e ás salazoeiras ainda existentes.

A crise agraria

Outra das causas fundamentais da maior emigración no Hío proviría, xa cara o 1882, da crise agraria xeral, produto da pervivencia de estructuras precapitalistas, do réxime de foros e do minifundismo no agro. A desmembración dos señoríos vai conlevar tamén un abandono das terras e como consecuencia a perda de traballo de moitos que andaban a xornal. Este desequilibrio estrutural vai estar en relación coa crise económica que devén e a perda do mercado inglés. No caso concreto do Hío, isto vaille afectar, preferentemente, á cabana de gando vacún existente cuxos propietarios xa se agrupaban en duas sociedades de socorros mutuos desde finais do século XIX. Estas datas tamén van coincidir co maior incremento migratorio de Pontevedra que vai superar en número ás demáis provincias galegas.

(*) Historiador e mestre de Cangas

Compartir el artículo

stats