Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Machi Salgado: "Substituír a Ernesto Chao é unha gran responsabilidade"

O polifacético actor actúa hoxe en Cangas con "A canción do Elefante" no Auditorio

O actor Machi Salgado, onte pola tarde en Cangas. // Gonzalo Núñez

Redrum Teatro presenta hoxe no Auditorio de Cangas "A canción do Elefante" (21.00 horas), unha representación que inicialmente ía ser en abril con Ernesto Chao como protagonista principal. Tras o pasamento do gran actor galego o encargado de tomarlle o relevo é Machi Salgado, actor afincado desde vai seis anos en Cangas.

-Hoxe vai ser como actuar na casa. Supoño que xa non se pon nervioso, pero que será especial...

-Si, si. Vai ser na casa. Será a segunda vez que actúe aquí. Xa estiven con Teatro de Ningures en "Unhas poucas picadelas".

-Incorporouse fai nada a "A canción do Elefante". Xa lle colleu o punto ao proxecto?

-Eles xa levan coa obra desde 2017, pero para min vai ser a oitava función. Xa estou adaptado.

-Na obra encarna ao Doutor Villaverde, un papel que desenvolveu Ernesto Chao ata uns meses antes de falecer este verán. Como foi darlle relevo?

-Ernesto era un mestre, así que a responsabilidade é moi grande. Continuei o seu traballo e só tiven que adaptalo un pouco a min.

-A obra xira ao redor da misteriosa desaparición do Doutor Lourenzo. Que máis nos pode adiantar da trama ou das personaxes?

-"A canción do Elefante" , como di o director Álex Sampayo, é unha matrioska teatral. O público vai estar enganchado porque o misterio non se resolve ata o último intre.

-Afirma a compañía Redrum na sipnose da obra que é un "duelo psicolóxico".

-Si. A carga existencial está moi presente. Hai diálogos que permiten coñecer a problemática que cada un vai atravesando na súa vida. Chega un momento nas conversas entre o psicólogo, o doutor Villaverde, e o paciente, Miguel, no que pouco máis e non se sabe quen é o paciente e quen o médico. A falta de amor, un fillo sen referentes paternos... todo iso vaise tratando a través da relación que se establece entre profesionais e os pacientes.

-Ten vostede un perfil moi completo e versátil: cine, televisión, teatro... cal é a súa debilidade?

-O teatro, pero é case máis un sufrimento cun gozo [risos]. O sistema teatral está collido con pinzas. Aínda que parezan poucas, nós teremos cinco funcións de "A canción do Elefante" só no mes de novembro. Agora Redrum, a compañía, ten outros espectáculos para diferentes públicos. Iso é moi bo.

-Actuou en series nacionais como "El Ministerio del tiempo" e "Fariña". Esta última foi un gran escaparate para que os actores galegos reivindicasen a súa calidade...

-Si, foi unha proba máis da calidade técnica e actoral que temos en Galicia. O 90% do equipo era galego, incluíndo ao director, o produtor... "Vivir sin permiso" tamén é outro excelente exemplo. Estase a poñer o foco nos actores e actrices galegos.

-En que máis proxectos poderemos ver a Machi Salgado?

-Fun moi afortunado de entrar en contacto con Redrum, unha sorte. Non podo dicir moito máis, pero estarei noutra montaxe con eles. Ademais, nunha serie da Televisión de Galicia.

Compartir el artículo

stats