A segunda edición do Festival de Jazz de Moaña comeza esta tarde no Parque da Xunqueira. Este ano serán dúas as veladas de música. Hoxe, a partires das 22.00 horas, comezan os concertos coa actuación de Alfonso Calvo Septet, integrado polos saxofonistas Pablo Castaño e Diego Alonso, o trompetista Xabier Pereiro "GDJazz", Luis Miranda ao trombón, Iago Mouriño ao piano e Alfonso Calvo no contrabaixo, composición e arranxos. O septeto estará completado polo batería Miguel Cabana e terá como convidado especial a Ton Risco ao vibráfono.

Antes de que na medianoite comece unha jam session iniciada por Miguel Ponce Trío, o festival terá hoxe o seu punto álxido co trío Recabarren/Menares/Vázquez. O pianista galego Yago Vázquez e os chilenos Pablo Menares (contrabaixo) e Rodrigo Recabarren (batería). Os tres están afincados en Nova York e porán sobre a escea moañesa unha grande representación de jazz contemporáneo.

O propio Yago Vázquez adianta o tipo de concerto que poderán ver esta noite os que se acheguen ao Parque da Xunqueira.

-Por que pensa que o jazz pasou a ser considerada unha música académica?

-En realidade eu non creo que o jazz sexa unha música académica, realmente é música popular americana, pero si é certo que esta percepción esta moi extendida. Probablemente esta idea ven dende os anos 50 cando o jazz deixou de ser música de baile pero o repertorio estandard de jazz segue a estar baseado en cancións de musicais e películas.

-Non opina que esa consideración lle pecha as portas a entrada de novo público, temeroso de adentrarse nun estilo moi complicado?

-A miña recomendación é que a xente vaia a escoitar a música en directo. Na miña experiencia, ao remate dos concertos, moitas veces a xente achégase para contarme que non lles gustaba o jazz e que se sorprenden porque disfrutaron moito da actuación. Seguramente o problema é máis o descoñecemento que calquera outra cousa.

-Vostede está afincado en Nova York. É imposible vivir do jazz en Galicia?

-Non, para nada. Eu levo xa anos en NY pero a xulgar polo que eu vexo aquí en Galicia, igual que en NY, moitas veces é preciso ensinar ademais de tocar en directo. Pero penso que a ensinanza sempre foi unha parte importante da vida dos músicos profesionais.

-Considera que mellorou algo a escena aquí, ou este estilo de música está estancado?

-A escena en Galicia non para de mellorar, cada ano que volto vexo máis músicos novos e a xente toca a un nivel incrible.

-Semella que cada ano aparecen novos festivais, incluso en localidades que aparentemente non tiñan tradición de jazz como Moaña. Non?

-Cada vez hai máis festivais de jazz en Galicia e iso é algo moi positivo. Pero tamén penso que no Morrazo hai bastante tradición de jazz, moitos dos músicos do sul de Galicia viven alí. Por iso xurden festivais como o de Cangas, Bueu ou Moaña.

-Que poderán ver os moañeses e turistas que se acheguen ao seu concerto do luns? Como é o trío co que tocará?

-O trío está integrado por Pablo Menares no contrabaixo e Rodrigo Recabarren na batería. Eles son dous músicos chilenos residentes en Nova York cos que levo moito tempo tocando. O repertorio ten moita música orixinal nosa. Pero tamén tocamos cancións do folclore sudamericano, standards de jazz e ata unha cantiga de Martín Códax.