Dado o seu carácter cómico e festivo a Mostra é algo singular en Galicia e no resto das Autonomías e a súa internacionalidade é manifesta pois ao longo das diferentes edicións, ademais de manterse con maior ou menor intensidade a presenza de Portugal -un desexo manifestado xa polos seus fundadores- na súa programación estiveron presentes espectáculos producidos en Alemania, Inglaterra, Italia, Bélxica, República Checa, Ucrania, Francia, Dinamarca e Polonia. En Latinoamérica: Cuba, Arxentina, Costa Rica, Uruguai, Ecuador, México, Venezuela e Chile. E noutros países como Exipto, USA ou Australia. Sen esquecer as montaxes programadas doutras Comunidades Autónomas do Estado como Catalunya, Madrid, Euskadi, Castilla-La Mancha, Castilla-León, País Valenciano, Asturias, Aragón, Andalucía, Murcia, Navarra, Illes Balears. Obviamente as producións galegas sempre estiveron presentes na Mostra colaborando deste xeito no desenvolvemento do sector das Artes Escénicas en Galicia.

Os calificativos desta Mostra: Cómica e Festiva, Internacional, Representativa do Teatro Galego e do Estado Español foron, ou tentaron ser, ao longo destes anos un obxectivo a acadar. Compre subliñar, polo demais, que desde as últimas edicións, tamén se lle pode engadir o epíteto de paritaria. Unha programación pois ambiciosa.

Mais, pregunto, non compriría analizar até que punto é posible compaxinar todas estas características? Cabe interrogarse, se sería conveniente priorizar algunha e que as demais fosen complementarias? Non habería, quizais, que poñer" manifiestamente" o acento no CÓMICO E FESTIVO contemplado desde diferentes ópticas que incluirían desde a comedia clásica ata a contemporánea ou a comedia negra; desde o teatro xestual ata a danza, dende o bufón contemporáneo ata o clown, desde o vodevil ata o teatro musical ou o circo? E desde esta singularidade, que foi o cerne e definición da Mostra, contaminar o resto da programación, polo menos a que se exhiba no Auditorio? Preguntas que alguén podería tildar de ociosas? mais o certo é que ás veces o público sae da sala desconcertado pois non atopou por ningures a comicidade nos espectáculos programados.

Haz click para ampliar el gráfico

E darlle a preeminencia ao cómico e festivo tamén podería espallarse ás actividades paralelas da MITCFC. Desde os contidos dos cursos -circo, zancos, malabares, acrobacia, dramaturxia da comedia?- ata o recén Torneo de Dramaturxia Galega que propiciaría, co impulso da Mostra, a creación de textos cómicos nos que prime o humor, a sátira, a farsa? E mesmo poderían editarse os textos premiados polo público coa colaboración da Mostra. Sería un xeito de enriquecer o panorama editorial do teatro galego neste caso co xénero da comedia mais ben escaso .

Coido, pois, que paga a pena repensar esta cuestión pois hai acordo en que a MITCF é talmente Cómica e Festiva porque Cangas é o centro dunha comarca moi poboada e festeira e conta cunha cidadanía que vive aberta ás rúas e é especialmente activa na participación de todo tipo de festas parateatrais (Entroido, Romarías Populares, Danzas Tradicionais, etc).

Xa o grupo fundador, como denantes sinalamos, considerou unanimemente que a Mostra debía ter un carácter cómico- festivo porque entroncaba coa tradición carnavalesca, lúdica, participante e crítica presente sempre como marca e trazo da bisbarra. Quique Harguindey, un dos seus valedores, lembraba ademais nunha entrevista en 1986, na 3ª edición , a importancia do feito cómico na cultura popular galega e da práctica falta de reflexo deste xénero no noso teatro actua. O cómico, decía, para uns "sabidos" está moi devaluado e constituiu non só unha "envoltura" para facer pasar unha mensaxe senón un fin en si, un verdadeiro modo de ver o mundo, unha filosofía de liberación da esperanza popular que é imposible esquencer.

Velaí a clave do seu éxito ademais, claro esta, do humus teatral dos grupos de teatro afeccionado asentados, como fomos lendo ao longo destas Crónicas do Teatro, desde os anos 70.

A memoria

Desde a súa 1ª edición en 1984, a Asociación Cívico Cultural "Xiria" ánima da Mostra, tivo claro que a súa programación debería desenvolverse en sala e nas rúas de Cangas. E tamén desde xa comezaron as actividades paralelas. Un esquema que permanece na actualidade, evidentemente dun xeito renovado.

Mais como os Cómicos da Legua, a Mostra en canto aos espazos de sala foi trashumante ao tempo que testemuña da morte e desaparición das salas de cine onde se acollía pois a carencia dun Auditorio, reivindicado pola cidadanía, resultaba nefasta. A peregrinación comezou no Cine Avenida no que se realizaron tres edicións logo foi o Calvar, e seguiulle o Galaxias que veu sendo o derradeiro refuxio da Mostra en 1996 na XIII edición. Derruídos os tres cines, a Mostra "acampou" na Carpa alugada ao mago Antón onde estivo instalada de 1997 ata 1999. No inverno de 2000 foi o Pavillón de Rodeira a trincheira na que resistiu a XVII MITCFC e, de novo no mes de setembro de 2001, coa maioría de idade da Mostra cumprida, unha morea de xente saíu a rúa- "Entre a rúa e a noite" titulaba un artigo o xornalista de Faro Salvador Rodríguez comentando a XVIII edición- esixindo o remate das obras do tan soñado Auditorio Municipal. Unha azarosa e abraiante historia na que foron protagonistas a xiria d@s amantes do teatro, a profesionalidade d@s artistas e o ánimo do público facendo posible chegarmos a 35 edición que se celebra nestes días, afortunadamente en mellores condicións.

Son moitos anos, a memoria fraquea e a documentación gráfica e escrita escasea, mais poderían contarse ducias de anécdotas. Desde a inundación da Carpa onde Che Mariño e Sonia Rúa, entre outras persoas, tiveron que achicar a auga ao desacordo coa Policía Local - na época do alcalde Lois Pena- que acusaba a un grupo portugués e á propia organización da Mostra, de botar xabón na fonte dos Xardíns do Sinal. Ou o accidente do actor italiano Ives Lebretón que caeu por un buraco no escenario provisional do Cine Galaxias e tivo que recibir asistencia sanitaria poñendo en perigo a súa actuación.

Dos máis de cincocentos espectáculos que se programaron na MITCFC ao longo destes anos non é posible lembrar todos os que permanecen na memoria do público. Mais sen dúbida entre algúns deles deixaron pegada: "A hestoria do gato malhado e a andorinha sinha" sobre texto de Jorge Amado (TAI) de Porto; "Secretos dun cubo" de Teatre Arca; " I Colombaioni" de Italia; "Nuestra señora de las nubes" de Arístides Vargas presentada por Malayerba Teatro; "Glub, Glub" de Yllana; "Instintos ocultos" de Leo Bassi?e haberá que citar os das últimas edicións que foron Premio do Público:en 2017"Emilia"da compañía Teatro del Barrio (Madrid); en 2016 "Interrupted" da compañía Teatro en Vilo (Inglaterra-España); en 2015 "La flauta mágica" da compañía Dei Furbi Cataluña; 2014"Macbeth" da compañía do Chapitó (Portugal); en 2013 "Eurozone" da compañía Chévere Teatro (Galicia); en 2012 "Memorias dun neno labrego"da compañía Abrapalabra (Galicia) e en 2011 "Zic Zag"de Joseph Collard (Bélxica).

Claro que tamén haberá espectáculos para esquecer?Houbo un no Cine Galaxias, cuxo título e compañía non quero lembrar, que en cada apagón de luz ía desaparecendo unha ringleira do público até case quedar baleira a sala?

A Comisión Organizadora. Aínda que sexa repetir o que xa está escrito nas dúas Crónicas citadas sobre o nacemento da Mostra, non sobra lembrar que se esta saíu adiante foi grazas ao entusiasmo dese grupo de mulleres e homes (X.M. Pazos,Silda García, Maruxa Barrio, Quique Harquindey, Afonso Marcos, Xaime Enriquez, Puri Castro,Camilo Camaño e outr@s), que traballaron arreo nos máis variados cometidos, desde carga e descarga, montaxe de iluminación,limpeza,atención de taquilla...

Logo foron incorporándose outras persoas que asumiron a coordinación como foi o caso de Che Mariño que o fixo desde a 13 á 29 edición, tamén quen esto subscribe, ata chegar ao equipo actual: Silda G. Alfaro, Xoán Carlos Riobó, María Xosé Mariño "Che", Estanislao Graña, Juanjo José Pérez, Paula Tenorio, Clara Castillo e Julia Abal. Un equipo coordinado por Salvador del Río coa Dirección Artística de María Armesto. Outras persoas que estiveron tamén na Comisión Organizadora foron Sonia Rúa e Marieta Pastoriza. Sen esquecer aos técnicos do Auditorio: Paco Alfaro e Andrés Otero. E a asistencia técnica de Teatro de Ningures, Anxo Graña, Héctor Pazos, Serafín Piñeiro e Diego R. Camaño. Segue a ilusión e o "voluntarismo" aínda que agora, por fortuna, algúns traballos poidan ser remunerados fomentando o emprego.

Orzamento e Patrocinios. Non é agora o caso de falar polo miúdo sobre a economía da Mostra mais en xeral pode afirmarse que o seu orzamento foi evolucionando favorablemente ao longo destes 35 anos. Se nas primeiras edicións sempre foi unha constante preocupación que fixo perigar o futuro da Mostra - a colaboración económica do Concello, por exemplo- non se fixo realidade ata un ano despois da Comisión Xestora- na actualidade hai unha certa estabilidade, ben merecida por certo. Aínda que con demasiada frecuencia haxa que contratar as Compañías sen que fosen ingresados con anterioridade os cartos concedidos pola Administración Pública?

Pois ben, se nas primeiras edicións as cantidades oscilaban entre os 1.300.000 pesetas aos 4 millóns da 11 edición en 1994 o orzamento total desta 35 edición da MITCFC é de aproximadamente 90.000 euros sen ter en conta o IVE.

Sen coñecer aínda a resolución da Convocatoria de axudas para as Mostras e Festivais de Galicia deste ano da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia, a axuda concedida en 2017 a MITCFC foi de 36.000 euros. O Concello aporta 14.000 euros e a Deputación de Pontevedra en 2017 aumentou onsiderablemente a súa colaboración: 15.000 euros, recoñendo deste xeito a importancia da Mostra dentro da provincia. A Sociedade General de Autores e Editores (SGAE) colabora na organización das Lecturas Dramatizadas con 1.500 euros.

A aportación por ventanilla é, aproximadamente de 14.500 euros.

Compre salientar, como patrocinio privado, a colaboración habitual de Frigoríficos do Morrazo e tamén, nestas últimas edicións, o apoio dos comerciantes de Cangas a través da compra de bonos.

Con estes mimbres tentase programar espectáculos de calidade, tanto de sala- a prezos asequibles- como de rúa -de balde- e as moitas actividades paralelas desta 35 edición da MITCFC. Consúltese toda a programación en www.mostrateatrocangas.gal.

Mirámonos no Teatro!