A Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas xa está en escena. Onte ergueu o pano da súa edición número 35. Curiosidades do destino: 35 son tamén os anos que leva no mundo teatral o pregoeiro desta edición, Eduardo Alberto Rodríguez Cunha, máis coñecido como Tatán, de Tanxarina. "35 anos na profesión e aínda non teño un máster, pero si moito camiño andado dentro e fóra de Galicia", dixo durante o seu discurso. Un discurso para o que se vestiu como un auténtico pregoeiro e no que foi deixando un regueiro de agradecementos e unha mensaxe de alento para toda a xente que traballa ao redor desta mostra. "Galiza enteira pode estar fachendosa da vosa labor, da dignidade que representa e navega nesta marea inquietante a que sempre andamos expostos na cultura deste país. A avanzar contra ventos e mareas, coa máscara de proa ben alta", proclamou Tatán no seu aplaudido pregón.

Os aplausos acompañaron a Tatán desde o comezo da súa intervención, cando o primeiro que fixo foi acordarse "dos que están na cadea por expresar libremente as súas opinións, polo políticos presos por exercer os seus dereitos e polas mulleres vítimas da violencia e xénero"

O seu discurso estivo cheo de agradecementos, non quixo esquecerse de actores e actrices, de directores, técnicos, programadores e responsables da Mostra. Nesa listaxe de nomes destacou "especialmente" a Celso Parada. "Hoxe adícolle este pregón porque el é o meu mestre de cerimonias, o meu mentor, o meu amigo...", dixo, ao tempo que lle agradeceu a oportunidade de interpretar algunhas das súas personaxes máis queridas: Saturio, Afonso de Portugal, Nai Ubú... Tamén lle deixou unha merecida chiscadela a "organizadora e loitadora" Che Mariño. "Cada ano, pasiño a pasiño consegue o que se propón aínda que a administración a faga rabear", louvou.

O pregón de Tatán tamén estivo cheo de lembranzas relacionadas coa Mostra e con Cangas, asegurando que para el foi sinxelo aceptar a honra e responsabilidade de ler o pregón inaugural. "Da Mostra de Cangas eu teño no peto recordos, pasaxes e paisaxes da miña vida teatral que cruzaron a ponte de Rande en multitude de ocasións". Unha Mostra de Teatro que hoxe se celebra nun Auditorio, un edificio que se levanta sobre aquela antiga sala chamada Disconcierto. "O meu fantasma anterior estivo aquí moito antes, na sala Disconcierto, cantando; así como o conto", asegurou Tatán.

O pregón de Tatán foi o prólogo á primeira representación en sala desta XXXV Mostra de Teatro de Cangas: "Divinas palabras revolution", a nova montaxe do Centro Dramático Galego. Entre o público estaban autoridades municipais, da Deputación e da Xunta, que colaboran coa organización. Antes de despedirse Tatán volveu a dar razóns para non renderse, para non decaer e para manter vivo o facho da cultura e do teatro. "As razóns para continuar son moitas. Que non decaia. Ou se algo ten que decaer que sexan os imbéciles e escuros, que as veces poñen impedimentos para que os procesos creativos queden no camiño", proclamou.

E para reivindicar que el non quedou no camiño, afortunadamente, pechou o seu discurso con verbas daquel Afonso de Portugal: "Ao fim terra firme, não morrin estripado pelos piratas e salveime de morrer afogado".

¡Viva o Teatro!